Presentacións literarias na Biblioteca de Verín con Xerardo Dasairas, Eduardo Atanes, Antonio Sandoval e Cosme Romay
Nas vindeiras semanas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá tres actividades de presentacións literarias a cargo de Xerardo Dasairas Valsa, Eduardo Atanes, Antonio Sandoval Rey e Cosme Damián
A primeira das actividades terá lugar o vindeiro 14 de maio coa presentación do libro “Economía e recursos Comarca de Monterrei: Crónicas Rexiomontanas II” de Xerardo Dasairas Valsa, que abordará cuestións sobre notas económicas, feiras e mercados, a banca, sanidade, viticultura, o téxtil, o comercio, a minería, comunicacións e transportes, urbanismo e a casa.
Ao día seguinte, 15 de maio, será a quenda para Eduardo Atanes Álvarez que falará da súa obra máis recente “O sentir dos adentros”, ademais de recitar algúns dos seus poemas. Este libro atópase publicado na editorial madrileña Liber Factory e recolle en 88 páxinas 78 poemas, e ten por obxecto a transmisión dos sentimentos dunha persoa que se define como autodidacta no ámbito literario e que busca a felicidade dentro das súas limitacións físicas.
A terceira das presentacións está prevista para o día 30 de maio, durante a mesma os autores Antonio Sandoval Rey e Cosme Damián Romay Cousido amosará o libro “Cuándo ver aves en Galicia. Propuestas mes a mes para familias, aficionados y expertos”. Este libro é valido para a organización de excursións ao encontro de acontecementos ornitolóxicos. No seu interior atópanse para cada mes numerosas propostas destinadas tanto para os que dan os seus primeiros pasos na ornitoloxía como para os paxareiros máis entusiastas e as familias con nenos. Ademais, inclúe unha lista das aves de Galicia en catro idiomas, as coordenadas GPS de máis de 290 lugares citados no texto e unha relación de recursos bibliográficos e en internet.











