Ponte Caldelas efectúa o sorteo dos compoñentes das mesas electorais para as eleccións europeas
O Pleno da Corporación Municipal de Ponte Caldelas efectuou o sorteo informático dos compoñentes das mesas electorais que velarán polo normal funcionamento dos comicios ao Parlamento Europeo que terán lugar o vindeiro domingo 25 de maio.
O sorteo público realizouse utilizando un computador e un programa especificamente habilitado para designar aos presidentes e dous vogais de cada mesa, así como dúas quendas de suplementes que terán a obrigación de substituír aos titulares no caso de que se produza algunha ausencia imprevista. As persoas elixidas para esta función terán o deber, ineludible, de cumprir con esta tarefa.
En total serán elixidas 9 persoas por cada unha do oito mesas nas que se poderá exercitar o dereito ao voto no termo municipal de Ponte Caldelas, tendo en conta que se reduciu o número de urnas de 10 a 8 aínda que se manteñen todos os colexios electorais actuais polo que non suporá ningunha molestia para os votantes.
Así os electores poderán depositar o seu sufraxio nos colexios electorais de Caritel, Xustáns, Tourón, A Reigosa, Barbudo, A Insua e Ponte Caldelas, este último con 2 mesas.
Esta redución supón que no Colexio Manuel Cordo Boullosa en lugar das 4 mesas electorais que había noutras eleccións, terá só 2, unha para o centro urbano e Cuñas e outra para a zona de Caldelas, Pazos, Laxoso e Parada.
Antes, cada unha destas mesas estaba dividida por apelidos, pero agora unifícanse nunha única mesa. O motivo é que, en anteriores comicios, cando unha mesa superaba os 1.000 votantes censados tíñase que dividirse en dous ou máis mesas por apelidos. Agora ese límite para estas eleccións europeas establécese en 1.200 votantes, polo que as mesas do colexio da vila non cumpren ese requisito para a súa división.











