Ponte Caldelas convértese en referencia da mellor Mountain Bike Nacional do 18 ao 20 de abril
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, asistiu á presentación oficial da Rías Baixas Bike Race, que se disputará os días 18, 19 e 20 de abril, e que terá a este municipio como un dos puntos de referencia da cualificada polos expertos como “a mellor Mountain Bike nacional” que terá un percorrido total do tres días de 172 quilómetros.
Aínda que a proba discorrerá polos concellos de Soutomaior, Ponte Caldelas e Redondela, na vila da troita terá lugar o sábado 19 a saída neutralizada da proba reina desta carreira. Os corredores iniciarán un periplo de 50 quilómetros, con saída desde a Alameda, e un desnivel de 1.820 metros sobre un perfil duro e esixente que podería decidir o desenlace da competición.
Entre o máis dun centenar de participantes vindos de toda España estarán nesta esixente proba os gañadores da pasada edición, o estremeño Pedro Romeu e a biker de Mos e campioa galega de Btt-Maratón, Susana Alonso.
A Rías Baixas Bike Race 2014, o gran maratón do ciclismo de montaña en Galicia que organiza a firma Team Relay, terá nas instalacións de Granxa O Kiriko, en Fornelos de Montes, o centro neurálxico da organización onde se concentrarán os participantes desde a xornada do xoves. A proba contará cunha clasificación por tempo do tres etapas aínda que os ciclistas que o desexen poderán tomar parte en probas individuais ao contar tamén cun alternativa tipo challenge.
Con respecto ao tres etapas, estas sumarán un total de 172 quilómetros e iniciaranse ao dez da mañá tendo unha duración estimada de catro horas cada unha. O venres 19, o pelotón enfrontarase a unha primeira proba con saída neutralizada desde o porto de Arcade e unha distancia de 42 quilómetros con 1.200 metros de desnivel sobre a xeografía de Soutomaior. Cun perfil crebado e dos denominados “rompe-pernas” a forte pendente de subida ao arrincar a etapa ao nivel do mar, marcará as primeiras diferenzas.
PONTE CALDELAS, SAÍDA DA ETAPA REINA
O sábado terá lugar a considerada etapa reina. Con saída desde a Alameda de Ponte Caldelas, os ciclistas afrontarán 50 quilómetros de distancia e un desnivel de 1.820 metros sobre un perfil duro e esixente que podería decidir o desenlace da proba.
A xornada do domingo levará ao pelotón ao Concello de Redondela onde parte o último dos trazados de 62 quilómetros de distancia e 1.680 metros de desnivel con dúas importantes cotas de ascensión.
O rexedor Perfecto Rodríguez, manifestou a súa satisfacción porque esta proba de prestixio nacional teña como saída dunha das súas etapas á vila de Ponte Caldelas e sinalou que o Concello prestará a máxima colaboración para que o desenvolvemento deste evento deportivo sexa un éxito.
Perfecto Rodríguez destacou a importancia deportiva da proba e comentou que a presenza destes corredores será unha oportunidade ideal para mostrar a turistas e visitantes as magníficas posibilidades que ofrece o municipio de Ponte Caldelas como lugar de práctica de deporte activo en plena natureza, co río Verdugo e as súas magníficas paraxes rurais como escenario para o goce armónico do medio ambiente.
Finalmente, Perfecto Rodríguez, asegurou tamén que será unha excelente ocasión para que as persoas que se acheguen até Ponte Caldelas poidan comprobar a calidade e competitividade dos establecementos hostaleiros e o comercio en xeral desexando aos deportistas, turistas e visitantes que gocen da hospitalidade dos habitantes deste municipio de clara vocación turística e de goce racional da natureza.











