Ponte Caldelas contará con dúas mesas electoral menos para os comicios ao Parlamento Europeo
O municipio de Ponte Caldelas contará con dúas mesas electorais menos nos próximos comicios ao Parlamento Europeo, pasando de 10 a 8 as urnas onde poderán depositar os votos aínda que se manterán todos os colexios electorais actuais polo que non suporá ningunha molestia para os votantes.
Así se manteñen os Colexios electorais de Caritel, Xustáns, Tourón, A Reigosa, Barbudo, A Insua e Ponte Caldelas, este último con 2 mesas.
Esta redución supón que no Colexio Manuel Cordo Boullosa en lugar das 4 mesas electorais que había noutras eleccións, haberá só 2, unha para o centro urbano e Cuñas e outra para a zona de Caldelas, Pazos, Laxoso e Parada. Antes cada unha destas mesas estaba dividida por apelidos, pero agora unifícanse nunha única mesa. O motivo é que en anteriores comicios cando unha mesa superaba os 1.000 votantes censados, tíñase que dividir en dous ou máis mesas por apelidos. Agora ese límite para estas eleccións europeas establécese en 1.200 votantes, polo que as mesas do colexio da vila non cumpren ese requisito para a súa división.
Exposición censo electoral
Por outra banda, a fin de resolver os posibles erros que poidan existir no Censo Electoral, elaborado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que rexerá nas próximas Eleccións Europeas 2014, que se celebrarán o domingo 25 de maio, o Concello de Ponte Caldelas abre o correspondente período de exposición ao público do Censo Electoral, que comprende do 7 ao 14 de abril ambos inclusive.
Transcorrido este prazo será imposible poder levar a cabo calquera corrección ou reclamación. A consulta deberá de ser formulada polo propio interesado previa identificación. O documento de identificación válido será o DNI, pasaporte ou permiso de conducir.
Desde o Concello de Ponte Caldelas ínstase en especial a comprobar estes datos a aquelas persoas que cumpriron recentemente os 18 anos e ás que cambien de domicilio nos últimos meses.











