Ponte Caldelas congratula á Beatriz Diz tras gañar un premio nacional coa súa tese doutoral sobre defensa dos piñeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+
Beatriz Diz na recepción no Concello de Ponte Caldelas

Beatriz Diz na recepción no Concello de Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez e a concelleira Teresa Martínez Tomei, recibiron no Consistorio á ex alumna de forestais que gañou un premio nacional co seu proxecto de fin de carreira dedicado ao estudo dos mecanismos de defensa dos piñeiros.

Beatriz Diz Diz, residente en Taboadelo (Ponte Caldelas), logrou o accesit do premio de investigación outorgado pola Sociedade Española de Ciencias Forestais, na categoría de mellor tesina e proxectos de fin de carreira, que lle foi entregado nun acto solemne celebrado en Valladolid.

Perfecto Rodríguez felicitou á moza investigadora e manifestoulle que “era un motivo de orgullo que a unha veciña do noso municipio se lle recoñeza o seu traballo académico porque tamén pode servir de exemplo para moitos nenos e nenas que están en idade escolar e que poden comprobar como persoas da súa contorna, neste caso da parroquia de Taboadelo, destacan no ámbito académico e de investigación a nivel nacional”.

O rexedor fixo entrega dun libro como obsequio á moza investigadora e sinalou que “son tempos difíciles os que nos toca vivir para que ese éxtito académico se traslade ao merecido ámbito laboral, pero estou seguro de que o teu traballo, esforzo e dedicación terán no futuro o premio do éxito que te mereces”.

O traballo de investigación realizado por Beatriz Diz Diz céntrase no estudo de como reaccionan os piñeiros cando perciben o dano que os insectos producen nas árbores da súa contorna, concretamente en especies como o pinus radiata e o pinus pinaster.

O xurado do premio da Sociedade Española de Ciencias Forestais motivou o seu fallo na orixinalidade do traballo presentado por Beatriz Diz Diz, os métodos aplicados e na relevancia dos resultados obtidos.

14 de abril de 2014 | 13:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.