Ponte Caldelas acollerá a XIV Concentración Cabalar Festa da Troita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e a responsable de Hípica Amazonas da Insua, Loli Pereira, presentaron a XIV Concentración Cabalar Festa da Troita que terá lugar no municipio os días 3 e 4 de maio e que servirá como preámbulo da celebración da XLVIII Festa da Troita.

O programa festivo combina espectáculos ecuestres, concursos morfolóxicos e unha degustación gastronómica que terá como protagonista a exaltación da tenreira ao rodicio, que se celebrará na súa quinta edición.

A Concentración iníciase o sábado ás 15:30 horas coa saída da ruta cabalar por diversos lugares do municipio para continuar, ás 21 horas coa degustación da tenreira ao rodicio cuxo asado comezará na madrugada do venres para o sábado.

A continuación, sobre as 23 horas, terá lugar nas inmediacións do centro hípico Amazonas, na Insua, un gran espectáculo nocturno a cargo de Especialistas da Hípica Celta, unha agrupación que realizan diversas combinacións acrobáticas e de máximo interese para o público que decida presenciar as súas evolucións sobre o cabalo. A xornada do sábado finalizará cunha gran verbena amenizado por un coñecido grupo musical.

O domingo, ao redor das 10:30 horas comezarán os concursos morfolóxicos de diferentes razas (cruzados, PRA, PRE, etc.) que contemplan a entrega de distintos premios en metálico para os gañadores.

A xornada do domingo finalizará cun Carrusel Hípico a cargo dos alumnos de Hípica Amazonas que desenvolverán diversos exercicios e coreografías na pista central de que dispón este centro de ensino ecuestre na Insua.

30 de abril de 2014 | 20:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.