Persoas con discapacidade de Mos finalizan un curso de auxiliar de transporte con COGAMI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O venres, 25 de abril, remata o curso de Auxiliar de transporte de persoas con discapacidade/dependentes que durante un mes estivo impartindo a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) en Mos (Hospital Psiquiátrico do Rebullón, avda. do Rebullón, Puxeiros).

Foron 13 persoas, 3 mulleres e 10 homes, as que se formaron durante 80 horas nas clases impartidas de martes a venres en horario de 16:00 a 21:00 horas, nas que adquiriron coñecementos relacionados coas habilidades sociais e comunicativas, pautas correctas nas mobilizacións e transferencias de persoas con mobilidade reducida, coñecementos básicos en primeiros auxilios e seguridade e utilización e manexo da documentación de control e incidencias.

O curso estivo financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).

Todas as persoas que iniciaron o curso están apuntadas no servizo de intermediación laboral que ten COGAMI en Vigo e viven nos concellos de Vigo, Pazos de Borbén, Salceda, Ponteareas, Tomiño, Porriño e Tui. Todos teñen discapacidade recoñecida, e a maioría deles proceden doutras profesións das que non van poder volver traballar por ter unha incapacidade laboral recoñecida. Outros, en cambio, formáronse para ampliar os coñecementos para poder inserirse canto antes no mercado laboral.

A finalidade deste curso foi a de capacitar ao alumnado para poder traballar como acompañantes no transporte de persoas con discapacidade e/ou dependentes.

24 de abril de 2014 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.