Persoal da radio salvadoreña visita Pontevedra e Redondela
Dúas mozas e un mozo dunha emisora comunitaria de El Salvador darán a coñecer o vindeiro luns en centros educativos de Redondela e Pontevedra o proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que ambos os dous concellos forman parte, á Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). A través desta iniciativa trabállase con alumnado da rexión salvadoreña do Bajo Lempa e cos comités de protección civil para previr e reducir a vulnerabilidade perante o risco de inundacións nos municipios de Tecoluca e Zacatecoluca, amplificando os resultados das formacións e a capacidade de reacción da poboación a través de Radio Tehuacán.
Yasmin Pineda, directora da emisora, xunto con José Manuel Rodríguez, encargado de programación, e Iris Mijango, unha das voluntarias máis activas, estarán o vindeiro día 7, entre as 9.20 e as 10.10 horas, con alumnado do 1º curso de Secundaria no IES Mendiño de Redondela, concello que exerce a Presidencia do Fondo Galego. Ás 12 horas desprazaranse a Pontevedra para intervir no IES Frei Martín Sarmiento, diante de 120 estudantes de 3º e 4º da ESO. A comitiva de El Salvador achegaralle ás rapazas e rapaces a realidade centroamericana, concienciándoos sobre a importancia da participación comunitaria e de ter un discurso propio sobre as problemáticas que afectan á nosa contorna.
No marco do proxecto promovido por Agareso e o Fondo Galego, en colaboración coa ONGD local Cordes, estanse a desenvolver nestes intres en El Salvador diversos obradoiros de sensibilización ambiental, que levan aparellada a entrega de materiais de prevención. Ao tempo, cada semana emítese en Radio Tehuacán o espazo ‘En contacto coa natureza’ para concienciar sobre a necesidade de respectar o medio para evitar as graves consecuencias das catástrofes naturais que cada ano afectan a zona.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.











