‘Pequenos actos pseudorrevolucionarios’ chega a Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCangas
A-
A+

O sábado, 26 de abril, ás 21:00 horas, o Auditorio de Cangas acolle a representación ‘Pequenos actos pseudorrevolucionarios. Un espectáculo cómico-político-absurdo baseado nuns textos escritos a partir dun proceso de investigación e creación colectiva, protagonizados por dous personaxes que deciden emprender accións de protesta de xeito privado e individual para expresar o seu desacordo con institucións públicas e privadas ante as cales non atopan outro medio de manifestarse, aínda que con estas iniciativas non vaian solucionar “nada”.

Unha historia de amor entre un mozo e unha moza que se coñecen cando ela vai a un comercio e pide un orzamento para mercar unha cantidade desproporcionada de pintura rosa; namóranse cando rouban un Papá Noel luminoso da decoración pública do Nadal, e pasan unha crise de parella cando veñen de sacar todos os cartos do banco.

Unha comedia romántica situada nun contexto de accións revolucionarias e construída a través de diálogos cargados de connotacións políticas, que reflicten o ambiente de descontento e a necesidade de cambios sociais que vive unha gran parte da poboación a nivel europeo.

Unha estética orixinal que recrea o universo dos xogos da nosa infancia: o escenario está inzado de clicks de Famóbil, e os actores van vestidos e caracterizados exactamente igual ca dous deles, mentres manexan billetes do monopoly, un Papá Noel roubado da iluminación de Nadal, unha cinta de correr, etc…

Unha posta en escena multidisciplinar que incorpora soporte audiovisual, de xeito que os actores empregan unha cámara como se fose unha lupa de gran aumento, para que o público poida ver os clicks ampliados nunha pantalla no fondo do escenario. Unha maneira de que os PEQUENOS ACTOS se convertan en grandes acontecementos.

Venda de localidades:

Despacho de Billetes do Auditorio de Cangas

2 horas antes do comezo da función. De 19 a 21:00 horas.

Prezo: 5€.

24 de abril de 2014 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.