publicidade hoxe

Pedrafita acollerá a XXVIII Feira da DOP do Cebreiro marcada pola calidade do queixo, a mel e o viño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugoPedrafita do Cebreiro
A-
A+
Presentación XXVIII Feira da DOP do Cebreiro

Presentación XXVIII Feira da DOP do Cebreiro

A Deputada de Economía, Pilar García Porto, acompañada polo Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, e o Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida do Cebreiro, Enrique Fernández, presentou este martes a XXVIII Feira da Denominación de Orixe Protexida e produtos (DOP) do Cebreiro, evento que se celebrará neste Concello da Montaña luguesa o vindeiro venres, 18 de abril.

A vixésima oitava edición da Feira da DOP do Cebreiro, organizada polo Concello de Pedrafita e o Consello Regulador da Denominación de Orixe, contará como protagonista indiscutible co queixo da zona, aínda que este non será o único produto que estará á venda, posto que tamén haberá stands adicados a outros produtos gastronómicos con indicativos de calidade, como o viño e a mel.

García Porto destacou a importancia de manter este tipo de iniciativas, xa que supoñen un importante recurso de promoción para os produtos autóctonos de calidade, ó tempo que son un destacado revulsivo económico para os Concellos que os acollen, situándoos no mapa turístico en diferentes época ó longo do ano”. Pola súa banda, José Luis Raposo, agradeceu o apoio da Deputación para manter iniciativas deste tipo, e destacou que precisamente esta feira naceu a iniciativa do Concello, co ánimo de dar a coñecer fóra de Galicia o produto que se elaboraba na zona, obxectivo acadado grazas á súa alta calidade.

Queixo con denominación

A elaboración do queixo do Cebreiro conta con séculos de tradición, aínda que a finais da década dos 80 estivo a piques de desaparecer, quedando reducida a súa elaboración para o consumo doméstico. Sen embargo, en 1990, ano no que aparece a primeira queixería, este produto recibe a Denominación de Produto Galego de Calidade, acadando finalmente a Denominación de Orixe no 1999 e finalmente a Denominación de Orixe Protexida no 2008. Actualmente, o Consello Regulador da Denominación de Orixe de Queixo do Cebreiro conta con catro empresas inscritas e a zona de produción de leite e de elaboración dos queixos abarca os municipios lucenses de Baleira, Baralla, Becerreá, Castroverde, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Láncara, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Segundo os últimos datos publicados pola Secretaría Xeral de Agricultura e Alimentación, o Queixo do Cebreiro acadou unha produción de 31.600 euros, destinados ó mercado nacional, o que lle outorga un valor económico á denominación, unha das catro existentes en Galicia, de preto de 300.000 euros,

O evento adoita reunir multitude de persoas en cada edición, o que demostra que a feira de Pedrafita está afianzada no calendario dende hai anos, e serve como escaparate para os produtos da zona. Esta cita gastronómica non só atrae a persoas de toda a provincia, senón que son moitos os visitantes que veñen dende outros puntos da Comunidade Autónoma, ou dende a localidade leonesa do Bierzo. As actividades darán comezo ás 9:30 horas, coa apertura ó público dos stands, e prolongarase durante toda a xornada, xunto coa animación musical e as exposicións de artesanía típica da zona, como a madeira e o ferro, que o ano que vén terán o seu propio espazo na feira.

Aposta polos produtos lucenses de calidade

A Deputación continúa apostando polos produtos autóctonos de calidade, mediante o impulso de citas gastronómicos como esta fin de semana, promocionando as cualidades do produto entre os consumidores, o que contribúe ó aumento das vendas e o afianzamento de postos de traballo nestas industrias, case sempre situadas no rural da provincia, axudando así a afianzar unha industria creadora de postos de traballo que fixe poboación nestas zonas. Xunto coas achegas económicas para a organización destas citas por toda a provincia, a entidade luguesa desenvolve iniciativas gratuítas que melloran a comercialización destes produtos, como a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, na que se poden adquirir este e outros produtos e servizos lucenses dende calquera parte do mundo.

15 de abril de 2014 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.