Patricia Román faise co XI Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración
A ilustradora de Ciudad Real Patricia Román Ortega foi a gañadora da XI edición do premio “Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil”, que convoca a Deputación de Ourense, dotado con 1.500 euros.
O xurado, reunido hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, destacou da obra premiada o intenso e importante traballo artístico que supuxo a creación da obra e valora sinaladamente a técnica empregada así como o feito de que “as ilustracións maridan perfectamente co texto”.
O xurado -que adoptou por unanimidade a súa decisión-, estivo presidido polo deputado de Cultura da Deputación de Ourense, Avelino García Ferradal, e integrado polos vogais: José Manuel Fernández López, María Rosa González Méndez, Jesús Manuel García Díaz e Xosé Manuel Cid Fernández. Como secretaria actuou a xefa de sección de Arquivo e Publicacións da Deputación de Ourense, Ana Malingre Rodríguez.
Patricia Román é natural de Alcázar de San Juan (Ciudad Real). Estudia Belas Artes en Aranjuez e na súa formación figura un Ciclo Superior de Ilustración e formación no IES Felipe II, centro asociado á Universidade Complutense. Tamén é bolseira do programa Erasmus en Berlín.
Os traballos de ilustración, de diferentes estilos e temáticas, baséanse no texto gañador do premio de narración “O trasno de Bóveda e a chave máxica”, de Luis Antonio Pérez Varela.
O premio “Pura e Dora Vázquez” de narración e ilustración infantil e xuvenil é un dos máis prestixiosos certames literario-artístico de Galicia, dirixido ao público infantil e xuvenil, que leva o nome das nomeadas escritoras e poetisas ourensás Pura e Dora Vázquez, que tanto traballaron ao longo da súa vida a prol da cultura e da educación dos máis novos.
Este premio ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. O libro incluirá o texto gañador e as ilustracións escollidas polo xurado, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.











