Pasan a disposición xudicial os seis detidos na protesta do cerco en Santiago
Os seis detidos o luns en Santiago de Compostela en relación cos altercados producidos na protesta do sector do cerco o pasado 11 de marzo pasarán a disposición xudicial este martes nos xulgados compostelanos tras ser trasladados nun furgón policial ao xulgado dende comisaría.
Así o confirmaron fontes policiais, que precisaron que o pase a disposición xudicial se produce unha vez que foron concluídas as dilixencias realizadas pola Policía Nacional.
Os seis arrestados, relacionados co movemento independentista radical e o anarquismo, pasarán a disposición do Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago.
Aos detidos impútanselles delitos de desordes públicas, atentado a axentes da autoridade, lesións e danos, segundo informou a Policía, que desvincula as detencións dos propios mariñeiros do sector do cerco, que chegaron ata o Parlamento de Galicia para reivindicar unha nova repartición da cota da cabala e o xurelo nunha manifestación que acabou cun enfrontamento entre manifestantes e policías nas rúas da capital galega.
Estas seis persoas, segundo fontes policiais, correspóndense coas persoas que serían “responsables dos grandes altercados” da protesta de aquel día e “son coñecidas” pola súa “pertenza ao anarquismo e independentismo radical violento”.
FEITOS
O 11 de marzo en Santiago, un grupo de persoas que acudiu á manifestación, a cal modificou o seu percorrido e das dependencias de San Caetano desviouse o Parlamento, segundo sostén a Policía, “intentou romper o cordón policial, botando botellas e pedras aos funcionarios policiais e levando a cabo a queima de varios colectores”.
Neste sentido, a Policía recorda que a “violenta actuación dun sector da mobilización provocou a intervención policial, producíndose diferentes incidentes nas zonas estremeiras” á Cámara autonómica, onde “grupos radicais montaron barricadas e produciron danos no mobiliario público”.
Como consecuencia dos feitos resultaron feridos oito axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP) e detívose tres persoas, as cales pasaron a disposición do xulgado de garda esa mesma tarde, tras o que quedaron en liberdade con cargos.
Con todo, as investigacións que realizou a Policía desencadearon as novas seis detencións deste luns, despois de “comprobar que nos incidentes participaron individuos que non están relacionados co sector da pesca”, algúns “vinculados con grupos antisistema e tamén do ámbito do independentismo radical violento”.











