publicidade hoxe

“Paisaxes Culturais” esta Semana Santa no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O parque da Xunta de Galicia ofrecerá múltiples actividades gratuítas para toda a familia como visitas guiadas, exhibicións de Lume e de Materiais da Prehistoria e o obradoiro para os máis novos, ‘Do gran ao pan’.

>>>>>>>>>>

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propón para esta Semana Santa un programa, ‘Paisaxes Culturais’, que inclúe abondosas actividades de balde para toda a familia no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), en Campo Lameiro (Pontevedra), un dos conxuntos de petróglifos máis importantes de Europa.

O programa ‘Semana Santa 2014. Paisaxes Culturais’ brinda como novidades unha visita á parte menos coñecido do PAAR e o obradoiro ‘Do gran ao pan’, pensado para que os máis pequenos coñezan os procesos relacionados coa agricultura, coas que se propón unha opción diferente para pasar estas datas en familia.

Coa mencionada visita, ‘Paisaxes Culturais’, todas as persoas que se acheguen ata Campo Lameiro poderán descubrir a parte menos coñecida da área arqueolóxica, facendo un percorrido alternativo por outras estacións rupestres que se atopan dentro do Parque, a maiores das oito que conforman o percorrido habitual. Os participantes nesta experiencia coñecerán ademais os usos da paisaxe desde que este territorio comezou a ser ocupada por grupos humanos.

O Parque da Xunta de Galicia permanecerá aberto de martes a domingo de 10.00 a 20.00 horas de forma continuada, e contará ademais con visitas guiadas xerais todos os días ás 16.30 e 18.00 horas, e exhibicións no poboado de ‘Lume’ (ás 13.30 e 19.00 horas) e de ‘Materiais da Prehistoria’ (ás 17.30 horas).

Todas as actividades son gratuítas, aínda que é necesario facer reserva previa no 986 696 066 ou en reservas@paar.es. A entrada ao parque ten un custo para o público xeral de 5 euros, conta cunha tarifa reducida de 3, e o acceso gratuíto para nenos e nenas ata os seis anos. Os interesados en visitar o Parque poden obter máis información no enlace web http://paar.es/.

Referente para coñecer as nosas orixes

Situado en Campo Lameiro (Pontevedra), o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre é un equipamento cultural único para preservar e divulgar unha das máis características e primitivas manifestacións artísticas de Galicia: os petróglifos, motivos, formas e escenas gravados sobre rochas, de vital importancia para o coñecemento da Prehistoria en Galicia.

A visita ao Parque Arqueolóxico desenvólvese a partir do acceso a tres espazos diferenciados: un suxestivo e innovador espazo expositivo situado no interior do Centro de Interpretación, a área arqueolóxica visitable, de 22 hectáreas de extensión, que podemos percorrer gozando deste modo dun conxunto excepcional de estacións rupestres nunha paisaxe moi semellante á do seu contexto orixinal; e unha recreación dun pequeno poboado no que se evocan aspectos da vida cotiá dos nosos antepasados da Idade do Bronce. Patrimonio cultural e paisaxe danse aquí a man e permiten experimentar a maxia agochada nalgúns dos máis fermosos e significativos petróglifos de Galicia no contexto ambiental que lles dá sentido.

En concreto, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, entre as parroquias de Paredes e Praderrei, é a suma de dous recursos complementarios. Dunha banda, o Centro de Interpretación e Documentación, concibido como centro de referencia para a investigación e conservación das nosas arte rupestre e como un espazo para a interpretación, a exploración e o ocio cultural.

Doutra banda, existe unha extraordinaria paisaxe cultural na que se observa un importante conxunto de gravados prehistóricos. Ao longo de todo o Parque hai más de oitenta paneis con gravados rupestres sobre os que se veñen realizando desde o 2003 actuacións arqueolóxicas que inclúen traballos de prospección, escavación e reprodución, que permiten contemplar os motivos e escenas máis salientables dos petróglifos galegos e, ao tempo, comprender os seus patróns de distribución espacial.

12 de abril de 2014 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.