Pablo Cabello e Javier Lago fanse coa clasificatoria galega de Vaurien do Lago das Pontes
No último fin de semana do pasado mes de marzo disputouse a segunda regata clasificatoria do circuíto galego neste 2014 e, como na anterior cita, os gañadores foron a tripulación do Real Club Náutico de Vigo formada por Pablo Cabello e Javier Lago. En segundo lugar, tras unha regata moi seria e completa, acabou a tripulación do Club Marítimo de Canido e Real Club Náutico de Vigo, Tirso Cerqueira e Mario Pérez, que se facían á súa vez co primeiro posto xuvenil. No último caixón do podio situábase a tripulación formada por Antonio Pérez e Pilar Amaro, tamén do Real Club Náutico de Vigo.
En categoría xuvenil hai que engadir, á anterior citada vitoria de Tirso Cerqueira e Mario Pérez, o segundo posto de Alex Luca de Tena con Miriam González, do Ro Yatch Club de Combarro, e o terceiro posto de Pablo Valverde e Gonzalo Millán (R.C.N. de Vigo).
En categoría feminina vitoria tamén dunha tripulación do R.C.N. de Vigo; Alejandra Suárez e Helena Pérez facíanse coa vitoria final a pesar de non participar nas dúas últimas mangas debido a unha rotura de mastro. En segundo lugar finalizaban Cristina Cerqueira e Adriana Martínez (R.C.N. de Vigo) e o terceiro posto sería para Natalia Barros e Pomba Fole, do Ro Yatch Club de Combarro.
A regata tivo todas as condicións posibles, empezando o sábado con vento variable entre pouco e medio e finalizando o domingo cuns potentes 20 nós, ao que hai que engadir roles considerables e algún chuvasco.
A organización perfecta, como en todas as anteriores citas, que sempre saca o máximo rendemento do Lago e a súa contorna. Agradecementos a todos os que colaboraron en que, un ano máis, podamos gozar desta regata que xa é un referente no norte de Galicia para a nosa clase.











