Ourense unirase á celebración do Día Mundial da Saúde cunha conferencia e a XI edición da Feira da Saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A cidade de Ourense unirase a próxima semana á celebración, o 7 de abril, do Día Mundial da Saúde cun programa de actividades organizadas polo Concello coa colaboración de 28 asociacións e entidades que traballan no ámbito da saúde na cidade.

Os actos comezarán mañá, luns, ás 19:00 horas, no Centro municipal José Ángel Valente, no antigo edificio do Banco de España, cunha conferencia sobre “Enfermidades transmitidas por artrópodos: un mundo global”, a cargo da doutora Dolores Díaz López, da Unidade de Infecciosas, Medicina interna do Complexo Hospitalario de Ourense.

As actividades continuarán o martes, 8 e o mércores, 9 de abril, na Alameda, coa celebración da undécima edición da Feira da Saúde, na que asociacións e entidades que desenvolven o seu labor en Ourense a prol da saúde achegarán aos visitantes a oferta de actividades e servizos que prestan aos seus asociados e á sociedade no seu conxunto. A feira poderá ser visitada os ous días de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas. Tamén haberá obradoiros de “Mindfulness: a práctica de estar atento”, ás 12:30 e as 18:00 horas e música en vivo a cargo de Jambo Quartet Jazz.

Os visitantes da feira poderán realizar rexistros sanitarios gratuítos, medicións de glucemia, tensión arterial, tensión ocular, peso, talla, índice de masa corporal, perímetro abdominal, forza, flexibilidade, latexo fetal, entre outras. Tamén haberá diferentes actividades, como charlas, obradoiros, sobre diferentes temas relacionados coa saúde.

Enfermidades transmitidas por vectores

O Día Mundial da Saúde 2014 está adicado ás enfermidades transmitidas por vectores, que son organismos que transmiten patóxenos dun animal ou persoa infectada a outra.

As enfermidades vectoriais son as causadas por estes patóxenos no ser humano e xeralmente son máis frecuentes en zonas tropicais e lugares con problemas de acceso á auga potable e ao saneamento.

Calcúlase que a enfermidade vectorial máis mortífera, o paludismo, causou 660.000 mortes en 2010, a maioría en nenos africanos. Porén a enfermidade deste tipo con maior crecemento no mundo é o dengue, cuxa incidencia multiplicouse por 30 nos últimos 50 anos.

A globalización do comercio e as viaxes, a urbanización e os cambios medioambientais, tales como o cambio climático, teñen grande impacto na transmisión destas enfermidades e facendo que aparezan en países nos que antes non existían

Mellorar a protección contra as enfermedades transmitidas por vectores

O obxectivo da campaña consiste en aumentar a concienciación sobre a ameaza que supoñen os vectores e as enfermidades vectoriais, e animar ás familias e ás comunidades a que adopten medidas de protección.

Un elemento básico da campaña será a difusión de información nas comunidades. Como as enfermidades vectoriais comezan a superar as súas fronteiras tradicionais, é necesario que as medidas se amplíen máis aló dos países nos que actualmente medran estas enfermidades.

6 de abril de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.