Ourense organiza ‘Paseos de Primavera’ con 3 rutas a pé por Oseira, Montederramo e a Plataforma do Cenza
O Concello de Ourense organiza unha nova edición da actividade “Paseos de Primavera”, que se desenvolverá os domingos 27 de abril, 11 de maio e 1 xuño. Coordinada pola Aula Municipal de Natureza, é unha proposta de carácter educativo-cultural, que consiste na realización de tres rutas a pé, previamente seleccionadas polo seus atractivos ambientais, paisaxísticos e culturais, co percorrido máis asequible posible para os participantes. Os paseos serán realizados de xeito tranquilo e relaxado procurando que os participantes desfruten do entorno e se identifiquen con el.
Esta actividade ten como obxectivos achegar ás persoas participantes ao coñecemento e desfrute do contorno natural, paisaxístico e cultural de distintos lugares da provincia, fomentar hábitos e comportamientos respectuosos e favorecer relacións de amizade e camaradaría entre os participantes
Domingo, 27 de abril: Oseira
A ruta (7 km) discorre parcialmente dentro do espazo de Rede Natura de Pena Veidosa (máis coñecido como Serra Martiñá) e remata no mosteiro de Oseira. Despois de xantar, un pequeno percorrido arredor do Puzo do Lago, en Maside, lagoa desenvolvida sobre unha antiga explotación romana de ouro, cunha interesante vexetación acuática.
Domingo, 11 de maio: Bidueiral de Montederramo
Este é un dos nosos bosques máis valiosos, que forma parte da rede europea de espazos naturais protexidos Rede Natura. O bidueiro é probablemente a nosa árbore autóctona de maior beleza e a que medra a maior altitude. Aquí, na ladeira norte de San Mamede, entre os 1150 e os 1500 m., forman un entorno máxico. Nesta época do ano os bidueiros estrean nova follaxe mentres que nas matogueiras de arredor dominan as uceiras, que tamén están en flor, polo que o conxunto é espectacular. Tras 5,5 km. de ruta, xantar no bidueiral, gozando das espectaculares vistas e regreso polo mesmo camiño.
Domingo, 1 de xuño: Plataforma do Cenza (Vilariño de Conso-Manzaneda-Chandrexa de Queixa)
Ruta desde a presa do encoro e arredor deste, desfrutando dos atractivos naturais, xeolóxicos, etnográficos e paisaxísticos deste lugar. O percorrido discorre todo el dentro do espazo natural do Macizo Central Ourensán, que forma parte de Rede Natura.
A Plataforma do Cenza é unha chaira elevada ocupada durante as glaciacións do Cuaternario por un manto de xeo que baixaba de Manzaneda e a serra de Queixa e continuaba formando linguas glaciares cara Mormentelos ou Prada entre outras; por este motivo presenta gran cantidade de pegadas dos xeos como distintos tipos de moreas ou “till”, campos de bloques, rochas aborregadas, circos ou vales glaciares, …
Ademais podemos observar algúns dos hábitats naturais mais valiosos de Galicia, como turbeiras, uceiras húmidas ou cervunais. Entre as especies que se poden ver están a aguia cobreira, o desmán, as choias, etc, e entre os elementos do patrimonio etnográfico algúns curros tradicionais. Pola altitude (arredor dos 1350 m), é imprescindible acudir convenientemente protexido contra a radiación ultravioleta (crema protectora, sombreiro, gafas)
Tódalas persoas interesadas poden obter máis información ou inscribirse na Aula Municipal de Natureza do río Miño, no Paseo fluvial de Oira s/n, teléfono 988510781.











