Ourense ofertará actividades de lecer e formativas para escolares nas vacacións de Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Educación do Concello de Ourense ofertará actividades formativas e de lecer para escolares ourensáns durante as vindeiras vacacións de Semana Santa 2014. A concelleira Ana Garrido presentou esta mañá as propostas, que o Concello desenvolverá en 3 espazos diferentes: o Museo Municipal, a Aula de Natureza do río Miño e as bibliotecas municipais. Con elas preténdese fomentar alternativas atractivas para nenos e nenas durante o seu tempo de lecer ao tempo que fomentar a conciliación laboral das familias ourensáns durante estas datas de vacacións escolares.

Museo Municipal

O Museo Municipal acollerá un novo OBRADOIRO, que pretende achegar aos nenos á comprensión da arte, da cor e das diferentes formas de expresión artística, fomentar a interactuación dos cativos coas salas, estimulando a convivencia e o respecto mutuo no desenvolvemento das actividades.

Dirixido a escolares de 2º a 5º de Educación Primaria, será os días 14, 15, 16 e 21  de abril, en horario de 10.30 a 13.30 horas. A inscrición está aberta ata o xoves, 10 de abril na Concellería de Educación. A taxa é 10 euros 

Bibliotecas municipais

As bibliotecas municipais (A Ponte, A Carballeira, San Francisco e punto de animación á lectura do Couto) acollerán tamén actividades de Semana Santa, para nenos e nenas de 4 a 10 anos, de 11:00 a 13:00 horas, os días 12, 14, 15, 16 e 21 de abril).

O obxectivo principal desta proposta é que os nenos desfruten da lectura como algo pracenteiro, que contribúa a dar renda solta á súa fantasía, creatividade e imaxinación. Desenvolveranse actividades de psicomotricidade, con xogos que permitan unha boa interrelación e traballo en equipo, obradoiros de teatro, nos que os nenos poderán poñerse na pel de diferentes personaxes e vivir en primeira persoa as súas aventuras, lectura de contos e realización de manualidades.

Os escolares aprenderán así a descubrir a lectura como fonte de información, creatividade ou saber, evolucionar cara unha lectura creativa e desenvolver unha conciencia crítica e selectiva.

Aula de Natureza

Os días 14, 15, 16 e 21  de abril, en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, a Aula da Natureza do río Miño, en Oira, organizará divertidas actividades baseadas na natureza e o medio ambiente, co obxectivo de que os cativos coñezan e desfruten do seu contorno natural e tomen coñecemento da  importancia de implicarse na súa conservación.

Para nenos de 6 a 13, as actividades van dende a flora e fauna propia da nosa provincia ata actividades de reciclaxe, da orientación, do cambio climático, da xardinería… e moitas máis. O prazo de inscrición está aberto na propia Aula de Oira, ata o día 11 de abril. O custe é 10 euros.

Información e inscricións

Participaron na presentación a concelleira de Educación, Ana Garrido, a coordinadora de programas educativos, Sara Dacal, a coordinadora de bibliotecas municipais, Isabel Rodríguez, a directora de Espazos Museísticos, Eva Torres, e o coordinador da Aula de Natureza do río Miño, Luis Amigo.

As persoas interesadas poden inscribirse nas actividades medioambientais na Aula de Natureza do río Miño, sita no paseo de Oira, para as de animación á lectura nas bibliotecas municipais da Ponte (rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43), A Carballeira (Praza do Sagrado Corazón), San Francisco (explanada de San Francisco) e Punto de Animación á Lectura, na rúa Francisco Asorey, 13. Para as actividades do Museo, na Concellería de Educación, na Praza de San Martiño.

8 de abril de 2014 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.