Os xogadores do Futsal, Barroso e Hamza, visitan a CEE Duques de Lugo no Día de Concienciación do Autismo
Os xogadores do Santiago Futsal Jorge Barroso e Hamza, visitaron esta mañá o Centro de Educación Especial para nenos e nenas con Trastorno de Espectro Autista Duques de Lugo da asociación ASPANAES. O Santiago Futsal quixo colaborar neste Día Mundial de Concienciación do Autismo, visitando este centro no que os pequenos recibiron aos xogadores con entusiasmo e ilusión nunha xornada pouco habitual para eles.
Tanto Barroso como Hamza, charlaron cos nenos e nenas do centro, xogaron con eles e ensináronlles os seus trucos co balón. Tamén puideron coñecer as instalacións onde estes pequenos aprenden a falar, escribir, relacionarse cos seus compañeiros, etc., rodeados duns profesionais envorcados na súa educación. Sen dúbida, unha experiencia inesquecible para os pequenos e para os xogadores, que coñeceron de primeira man o traballo realizado con estes nenos e nenas con trastornos do espectro autista.
O Santiago Futsal quixo convidar a alumnos e profesores do centro ao próximo partido en casa ante o Peñíscola Adegas Dunviro, o vindeiro venres 11 de Abril no Multiusos Fontes do Sar.











