Os voceiros municipais de Carballo acordan presentar unha moción conxunta para manter o partido xudicial

Reunión dos voceiros municipais
Os voceiros de todos os grupos políticos da corporación veñen de manter unha xuntanza na que abordaron as modificacións que propón o anteproxecto de lei do poder xudicial impulsado polo Ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, e que suporían a supresión de todos os partidos xudiciais da provincia da Coruña, excepto o da capital. Estes cambios implicarían, polo tanto, a eliminación do partido xudicial carballés, entre outros, xa que nestes momentos a demarcación da provincia recolle a presenza de catorce partidos xudiciais incluíndo os da Costa da Morte: Carballo e Corcubión. Estiveron na reunión o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o voceiro do PP, Miguel Ferreiro; o voceiro de TEGA, Manuel Andrade; e o voceiro do PSOE, José Antonio Viña. Entre todos, acordaron presentar diante do pleno da corporación unha moción conxunta na que se solicitará a continuidade dos xulgados carballeses no mapa da planta xudicial da provincia. Así mesmo, acordouse facilitarlle a todos os grupos a moción aprobada por unanimidade na sesión plenaria celebrada en xuño de 2012. Naquel entón o texto instaba “ao Goberno de España para que non dera validez algunha á proposta de reforma da planta xudicial elaborada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, mantendo as demarcacións xudiciais existentes, xa que en caso contrario a demarcación carballesa pasaría a formar parte da da Coruña xunto coa de Betanzos, co conseguinte prexuízo para profesionais e veciñanza do municipio”.











