Os veciños de Teo poden adquirir a entrada para o vindeiro partido do Río Natura Monbús a un prezo reducido
Os veciños e veciñas de Teo poderán adquirir esta semana as entradas para o próximo partido do Río Natura Monbús a un prezo reducido. O encontro xogarase o sábado 5 de abril ás 20:00 horas no Multiusos Fontes do Sar contra o Guipúzcoa Basket. Os residentes en Teo que estean interesados nesta promoción puntual poderán facerse coa entrada por 9 euros, moi por debaixo do prezo habitual.
A entidade deportiva inclúe esta semana a Teo no proxecto Cidades Amigas, facilitando a compra das entradas a un prezo reducido, como unha ferramenta para fomentar e popularizar o baloncesto.
As entradas pódense retirar nas oficinas do club (Multiusos Fontes do Sar) de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas; na tenda oficial “Miudiño Store” que está en Área Central de mércores a sábado de 17:00 a 22:00 horas ou na taquilla o mesmo día do partido.
Segundo indican dende o club, para acollerse a esta promoción as persoas interesadas deben presentar o seu DNI ou calquera documento oficial co que se verifique que ten a súa residencia no Concello de Teo.
Deporte na Xuventude
Noutra orde de cousas dende o departamento de Deportes do Concello de Teo valoran moi positivamente a charla celebrada nos Tilos a semana pasada sobre o papel dos adestradores e pais no deporte da xuventude. Anxo Rei, edil de Deportes, destaca que se xerou un interesante e enriquecedor debate entre os conferenciantes Hugo Fernández e Iago Roel e os asistentes. Participaron na actividade ó redor de 40 persoas e agárdase que este tipo de charlas poidan ter continuidade, xa que Teo ten moita afección e práctica deportiva sobre todo entre a mocidade.











