Os usuarios do centro de recursos de Fingoi aprenden a xogar a Boccia e Slalom
O responsable de promoción da Federació Catalana d´Esports de persones amb Discapacitat Física (FCEDF), Diego Lozano Carro, estivo de visita nas instalacións do centro de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Lugo (rúa da Luz, nº4, polígono de Fingoi).
O paso polo centro foi para compartir experiencias sobre deportes adaptados coas 15 persoas usuarias que acoden de luns a venres á aula ocupacional de novas tecnoloxías para persoas con grande discapacidade. Lozano ofreceu unha xornada de deporte adaptado de boccia e slalom, dúas actividades deportivas que son aptas para que poidan practicar persoas con grande discapacidade física.
A primeira actividade que practicaron en Lugo foi a boccia, que consiste en lanzar seis bolas co fin de que queden o máis cerca posible dunha bola branca. É posible utilizar un cano ou apoiarse nin asistente para efectuar os lanzamentos.
A seguinte actividade deportiva foi o slalom, na que tiveron que superar obstáculos nun circuíto delimitado con aros, participando nunha cadeira de rodas, servindo tanto manual como a motor.
Aproveitando a visita ao centro do responsable da entidade FCEDF, tamén puido facer un percorrido polas novas instalacións que acollen servizos de formación e emprego, de información e asesoramento sobre calquera cuestión relacionada coa discapacidade, ademais conta cunha aula de educación de adultos e outra ocupacional de novas tecnoloxías dirixida a persoas con grande discapacidade física e dende ela sae a publicación mensual dixital Moemia Virtual.
Actualmente, o centro de recursos de Fingoi que ten COGAMI está pendente das autorizacións administrativas para iniciar nos próximos meses o funcionamento dun centro de día para persoas con discapacidade.











