Os tribunais desestiman unha reclamación de 3.772.000 euros dunha promotora inmobiliaria contra o Concello de Porto do Son
Por sentenza do 1 de abril de 2014, o Xulgado do Contencioso- Administrativo nº 1 da Coruña desestimou a reclamación de responsabilidade patrimonial presentada pola promotora COIRAMAR, S.L. contra o Concello de Porto do Son pola que solicitaba unha indemnización de 3.772.000 euros. A empresa inmobiliaria sostiña que a falta de aprobación do proxecto de urbanización da “unidade de actuación 2” (UA- 2) de Portosín e o non outorgamento da licenza urbanística solicitada para a edificación dese ámbito lle causara uns danos e prexuízos por valor de case catro millóns de euros.
O actual rexedor de Porto do Son, José Luis Oujo Pouso, debeu facer fronte á reclamación da promotora ao pouco tempo de iniciar o seu mandato, sabendo que a súa estimación podía comprometer gravemente a situación económica do concello, posto que o seu importe representaba máis da metade do total dos Orzamentos Municipais.
Logo do estudo detido da reclamación polos servizos técnicos e xurídicos municipais, o Concello acordou defender ante o xulgado, representado pola letrada Delfa Losa, a legalidade da súa actuación.
A sentenza ditada ratifica a legalidade da actuación municipal e declara a conformidade a dereito da decisión do Concello de non aprobar o proxecto de urbanización nin conceder a licenza de obra por entender que non se cumprían os requisitos legais.
Este procedemento enmárcase nun escenario de crise inmobiliaria, no que son moitos os concellos que deben enfrontar solicitudes de indemnizacións millonarias de empresas construtoras e promotoras que, acusando ás Administracións de ter impedido desenvolvementos urbanísticos, pretenden resarcirse das perdas causadas pola baixa do negocio urbanístico.











