Os prebenxamíns da ED Xuventude Oroso proclámanse campións por segundo ano consecutivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesOroso
A-
A+

Os prebenxamíns da ED Xuventude Oroso gañaron por segundo ano consecutivo o Torneo Prebenxamín Oroso, cuxa segunda edición se disputou esta fin de semana no campo municipal Lino Balado de Sigüeiro. Un campo que estivo cheo durante toda a competición, que este ano incluíu tamén a modalidade “Biberón”, na que triunfaron os pequenos das Escolas Luís Calvo (Carballo), que se impuxeron por penaltis ao Abanqueiro, despois de que a final rematase con empate a 3.

Os prebenxamíns da ED Xuventude Oroso tamén tiveron que agardar ata a quenda de penaltis para certificaren a súa vitoria sobre o Escolas Luís Calvo, despois de que o tempo regulamentario rematara con empate 1-1. O concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde, foi o encargado de facer entrega dos premios a estes rapaces, de entre 6 e 7 anos de idade, despois de impoñerse aos 14 clubs participantes.

Tenis de mesa

Así mesmo, Rey Villaverde tamén felicitou ao Oroso TM polo seu traballo na organización dos campionatos de Galicia nas categorías Cadete e Veteranos, celebrados esta fin de semana no pavillón Juanito Amigo de Sigüeiro e no que participaron más de 300 tenistas. Un traballo loxístico que estivo acompañado tamén de bos resultados deportivos, xa que o Oroso TM conseguiu 6 medallas na categoría cadete: 2 de ouro, 3 de prata e unha de bronce.

Uxío Regueiro e Silvia Álvarez foron os grandes protagonistas da xornada, ao conseguiren 4 e tres medallas, respectivamente. Ambos compartiron unha medalla de prata ao proclamárense subcampións de Galicia na proba de Dobres Mixtos, tras caer na final ante os naroneses Belén Sañudo e Santiago Otero por 2-1. Despois, Silvia Álvarez proclamouse Campioa Galega de dobres femininos facendo equipo con Laura Fernández, xogadora do Arteal. Na proba individual feminina, Silvia Álvarez conseguiu a medalla de bronce, logo de caer en semifinais ante a que sería a campioa galega, Belén Calvo.

Pola súa banda, Uxío Regueiro proclamouse Campión Galego na modalidade individual masculina, tras vencer na final a Santiago Otero. Ademais, conseguiu o subcampionato galego na modalidade de dobres masculina canda a Camilo González, logo  de caer por 2-0 ante Santiago Otero y Miguel A. Rodríguez (Narón). Finalmente, o equipo confirmado por Uxío Regueiro, Camilo González, Alexandre Iglesias, Adán Calvo e Uxío Pampín tamén se proclamou subcampión de Galicia, logo de caer na final ante o Narón por 3-1.

22 de abril de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.