Os libreiros de Ourense celebran mañá o Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil
A Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense súmase un ano máis á celebración desta data coa que se pretende difundir a literatura infantil e xuvenil e promocionar a lectura nesta franxa de idades. A Concellaría de Comercio colabora con este colectivo na instalación dunha carpa que estará situada no primeiro tramo da rúa Paseo, preto do parque de San Lázaro, e na que se situarán dez librarías pertencentes a esta asociación.
A cita é mañá, martes 2 de abril, desde as 10 da mañá e até as 9 da noite, e para todo o que se achegue a comprar os libreiros teñen preparado un desconto do 10%. Ademais, un dos personaxes infantís máis de moda nesta literatura, Caillou, estará alí presente para asinar os seus libros aos máis pequenos.
A dedicación do 2 de abril para celebrar o día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil vén realizando desde o ano 1967 a proposta do Internacional Board on Books for Young People (IBBY) e coincide coa conmemoración do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.











