Os institutos de Teo e Carral lembran a batalla de Cacheiras cun intercambio

Roteiro da batalla de Cacheiras
Os escolares de Teo e Carral xúntanse cada 23 de abril dende hai quince anos para lembrar o acontecemento histórico da Batalla de Cacheiras, un enfrontamento militar que remataría coa execución dos coñecidos como mártires de Carral. Esta actividade é xa unha tradición, para os institutos das dúas localidades e para os propios Concellos. Esta mañá foron puntuais a esta cita coa historia galega e un grupo de case 100 persoas entre alumnos/as e mestres realizaron a primeira parte do roteiro da Batalla de Cacheiras, dende a reitoral de Bamonde ata o campo da festa da Santa Eufemia, en Oza.
O alcalde de Teo, Martiño Noriega, achegouse ao inicio do roteiro para felicitalos pola iniciativa e facer memoria daquel feito histórico, que supuxo a reivindicación identitaria de Galicia. Hoxe lembrouse a loita entre os homes do comandante Solís que se levantaran en 1846 contra o goberno dictatorial que instaurara en Madrid o xeneral conservador Narváez e os homes de De la Concha que viña dende Madrid a repeler o levantamento militar galego. Os coñecidos como mártires de Carral son os mandos da insurrección sofocada en Cacheiras, que foron fusilados o 26 de abril de 1846 nesa localidade coruñesa.
A xornada de hoxe rematou en Montouto, ao pé do monumento conmemorativo, diante do que se leron poemas e se fixo unha ofrenda floral.
O intercambio promovido dende os institutos mantense dende hai quince anos e agárdase que continúe para así poder celebrar dentro de dous anos o 170 aniversario da batalla. O próximo martes, os escolares de Teo, devolveranlle a visita aos de Carral e visitarán o monumento aos mártires e o cemiterio de Paleo.











