Os grupos da Corporación da Coruña acordan a ordenanza para a concesión de axudas de mellora da imaxe urbana
O Concello da Coruña, a través da área de Urbanismo que dirixe Martín Fernández Prado, informa de que esta mañá todos os grupos da Corporación acordaron, na comisión de Urbanismo, a ordenanza que regula a concesión de subvencións para mellorar a imaxe urbana de inmobles incluídos no ámbito do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Centro histórico, Pescadería, As Atochas e Rozan.
Tras someter o documento a exposición pública e tras analizar as alegacións presentadas neste período, a ordenanza levará ao pleno do próximo luns, 7 de abril, cun texto consensuado polo catro grupos políticos da Corporación municipal e no que se aceptaron alegacións dos partidos da oposición.
Froito do diálogo e do consenso, introducíronse os seguintes cambios:
As subvencións outorgaranse en función dos metros cadrados da galería e a fachada.
Ninguén quedará sen subvención económica, xa que as axudas, aínda que se xestionan por comunidade de veciños e haberá un mínimo de subvencións por comunidade, si algún veciño non chega a unha determinada renda, poderá solicitar un suplemento que podería alcanzar mesmo até o 100% do custo.
Garántese unha total transparencia a través da publicación na web.
Definiranse os ámbitos prioritarios en función do interese de rehabilitación que se marcará anualmente.
Poderanse conceder subvencións a edificios aínda que non teñan ITE favorable si non lles foi requirido.
As subvencións, para as que se reservou unha partida de 250.000 euros, outorgaranse tanto a comunidades de veciños como a propietarios que realicen obras de reparación e pintura de fachadas exteriores do inmoble, incluíndo a retirada de cableado; así como á substitución de cartelaría. O importe da subvención alcanzará o 80% no caso dos edificios con algún tipo de protección, cun límite de 24 euros por metro cadrado de fachada e 50 de galería; o 60% para o resto de edificios. En función da renda familiar, as porcentaxes incrementaranse, segundo o IPREM, chegando do 85% ao 100% do orzamento protexido que corresponda á súa cota de participación. Ademais subvencionarase o 70% nos casos de substitución de cartelaría, até un máximo de 2.000 euros por cartel.
Trátase dunha ordenanza innovadora que ten por obxectivo dar resposta a unha demanda tanto de veciños como de comerciantes de dotar a cada zona incluída no Pepri dunha unidade estética que facilite a percepción e goce de cada espazo e que posibilite, ademais, unha reactivación da economía destes barrios.











