Os escolares de Mos loan ó Día Internacional do Libro

Representación teatral
Dende as concellerías de Cultura e Educación e Participación Cidadá, dirixidas polas edís Sara Cebreiro e Kely Monzón, respectivamente, informan de que dende o pasado luns 21 estanse a levar a cabo as diferentes actividades programadas con motivo do Día Internacional do Libro que se celebra hoxe 23 de abril.
Todos os socios que visiten durante o día de hoxe a Biblioteca Municipal recibirán como agasallo un libro. Adicionalmente, todas aquelas persoas que solicitasen o préstamo de exemplares dende o pasado luns 21 e que o soliciten ata o vindeiro venres 25 de abril, participarán automaticamente no sorteo dun lote de libros.
O programa de actividades conta tamén cun obradoiro de marcapáxinas para os nenos e nenas do municipio con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Esta actividade levarase a cabo o sábado 26 de abril ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal de Mos.
Por outras banda, os cativos dos centros educativos xa comezaron a recibir a visita do contacontos “O Inventor de Monstros” nos seus respectivos colexios, actividade que concluirá o vindeiro luns 28 .
Para rematar coa celebración do Día do Libro, o espectáculo enmarcado dentro do programa Ocio en Familia “TOC TOC” chamará ás portas do Pazo de Mos o domingo 27 de abril ás 18.00 horas da tarde. Esta actividade vai dirixida ás familias con cativos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, e englóbase no eido do rock, pop fol e tamén do soul, a alma da música moderna que partiu da tradición musical galega. Este espectáculo está organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística, entre eles Mos.
Ambas actividades, obradoiro de marcapáxinas e “Toc Toc”, son gratuítas para todas aquelas persoas que desexen participar.
As concelleiras responsables destas iniciativas declararon sobre as mesmas que “o obxectivo principal é o fomento da lectura entre as persoas de tódalas idades, así como tamén inculcar nos máis cativos a convicción de que os libros poden ser unha fonte de diversión, imaxinación e sabedoría”.











