Os emprendedores composteláns descobren os apoios para a apertura de establecementos comerciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe nunha xornada técnica sobre recursos e axudas ao emprendemento organizada polo Concello de Santiago e o Consorcio, na que informou os emprendedores composteláns dos diferentes apoios postos ao seu dispor pola Consellería de Economía e Industria.

Vázquez Abeal lembrou que, a través da Unidade Galicia Emprende, os novos empresarios poden informarse sobre os diferentes servizos e instrumentos de apoio e asesoramento para facilitar a posta en marcha de novos proxectos ou o desenvolvemento e a consolidación de novas iniciativas empresariais.

A directora xeral de Comercio achegou tamén as novidades recollidas na nova Lei do Emprendemento de Galicia, entre as que que destacan a simplificación administrativa grazas á eliminación con carácter xeral das licencias municipais de obra e actividade.

No tocante ao ámbito comercial, informou sobre o programa posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria para impulsar a apertura de novos establecementos, impulsando o emprendemento e a creación de emprego no comercio de proximidade.

A convocatoria, que permanecerá aberta ata o vindeiro 30 de xuño, apoiará cun máximo de 10.000 euros o 50% dos custos do acondicionamento dos novos locais comerciais, a mellora da imaxe exterior dos mesmos, e o impulso das novas tecnoloxías da información e da comunicación, facilitando deste xeito aos comercios unha mellor atención ao público co fin de incrementar as súas vendas.

30 de abril de 2014 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.