Os diferentes programas de igualdade de Ferrol alcanzan a cifra de 5.000 usuarios
A programación da Concellería de Igualdade do Concello de Ferrol sigue medrando en actividades e número de usuarios e a día de hoxe polos obradoiros, charlas, conferencias e iniciativas do departamento que dirixe Verónica Casal Míguez pasaron xa ao redor de 5.000 persoas. Así o indicou esta mañá a propia titular de Igualdade durante a presentación dun novo taller para a muller sobre autoestima que leva por título “Coñécete a ti mesmo”, que se desenvolverá nas dependencias municipais da Casa da Muller despois da Semana Santa, a partir do vindeiro mes de maio.
A Concellería de Igualdade abrirá mañá venres e até o vindeiro día 23 de abril o prazo de inscrición nesta actividade que, ao igual que o resto de talleres do Concello de Ferrol ao longo deste mandato, son gratuítos. As persoas interesadas en anotarse deben facelo no Rexistro Xeral da Casa Consistorial, alí recollerán e entregarán a folla de inscrición indicando na mesma que horario de clases prefiren: os sábados pola mañá ou entre semana polas tardes. Casal Míguez, explicou que os obxectivos deste curso de autoestima son reflexionar sobre si mesmo, desenvolver un sentimento de identidade propia, aumentar a conciencia das características persoais, tomar conciencia da nosa singularidade e aprender a respectar a dos demais, ampliar o coñecemento de si mesmo e practicar a linguaxe dos sentimentos positivos.
Cursos de relaxación e defensa persoal
Por outra banda, a edil de Igualdade sinalou que debido ao elevado interese que espertaron aumentaronse de 30 as 80 as prazas para os dous próximos talleres que comezarán na Casa da Muller: Un sobre técnicas de respiración e relaxación (pasouse de 15 a 40 prazas); e outro sobre técnicas de defensa persoal (que tamén se aumentou das 15 prazas inicialmente previstas a outras 40). “Ao segundo día de abrise o prazo de inscrición xa tiñamos anotadas máis de 25 persoas en cada unha das actividades, así que optamos por ampliar o número de prazas”, explicou Casal Míguez. Lamentablemente, quedan interesadas en lista de espera que se poderían sumar aos talleres no caso de que exista algunha baixa antes ou durante o desenvolvemento dos mesmos.
E por último, a edil de Igualdade informou de que o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Ferrol está a levar a cabo un curso de coaching dirixido a mulleres vítimas de violencia. Un total de 15 persoas participan nesta actividade –algunha delas antigas usuarias da Casa de Acollida-, as cales foron seleccionadas polos equipos técnicos do CIM.











