Os “Contos de Taberna” chegan a 14 establecementos de Carballo para dinamizar a cultura e a hostalería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Chegan a Carballo os “Contos de Taberna”, unha iniciativa dos departamentos de Turismo e Normalización Lingüística que ten como obxectivo dinamizar a hostalería da vila dende unha perspectiva cultural. Entre o 23 de abril, Día do Libro, e o 17 de maio, Día das Letras, un total de 14 locais hostaleiros do centro carballés participan nesta actividade coa que se repartirán entre os clientes relatos relacionados con cada un deses establecementos, realizados por escritores da zona e ilustrados por algún artista local. Para coleccionar estes relatos, os carballeses e carballesas deberán realizar unha consumición mínima de 15 euros nas tabernas e tascas; ou consumir tres almorzos (a través dun bono que se irá cuñando) nalgunha das cafetarías participantes.

Terán dereito entón a recibir un destes relatos, nun formato especial, para poder coleccionalos. Para quen consigan os 14, está reservada unha presentación cunha caixa para poder gardalos todos. Ademais, para dinamizar a iniciativa, a partir do 29 de abril cada local participante acollerá unha presentación do seu relato coa participación do autor/a e ilustrador/a correspondente. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, quere agradecer a colaboración dos locais nesta proposta, e o Alcalde, Evencio Ferrero, subliña a presenza de autores xa consagrados e moi coñecidos, como Xurxo Borrazás, coa de outros máis noveis pero que xa teñen amosado a súa valía. Os locais e artistas participantes son os seguintes: Ágora con relato de Henrique Mariño e ilustración de Mon Lendoiro; A Bombonera con relato de Xosé Antonio Andrade e ilustración de Roberta Venanzi; A Cabaña, con relato de Rosalía Fernández Rial e imaxe de Eva Facal; A Cova, cun conto de Cristina Abelleira e ilustración de Paula Freire; A de Pako, con relato de Mercedes Queixas e ilustración de Antonio Taracido; A Pedra, con relato de Paco Souto e ilustración de Emi de las Heras; Abastos, con conto de Santi Garrido e imaxe de Cristina Castro; Ánfora, con relato de Ramón Vilar Landeira e ilustración de Antonio Reino; Café Cervantes, cun relato de Ignacio Silva e ilustración de Santi Picos; Café Valle Inclán, con conto de Alberto Varela Ferreiro e ilustración do propio Alberto Varela Ferreiro; Kasa Klandestino con relato de Xurxo Borrazás e imaxe de Milagros Cotelo; Mesón do Pulpo, cunha historia de Fernando Cabeza Quiles e imaxe de Pedro Tasende; O Mexillón, con relato de Beatriz Fraga e imaxe de Lidia; e por último O Pescador, con relato de María Canosa e imaxe de O’Mighelo. Eles farán que as tabernas de Carballo, lugares de contos e encontros, tomen vida por escrito grazas aos “Contos de Taberna”, actividade enmarcada dentro do programa “Quedamos en Carballo” da Concellaría de Promoción Económica.

O Alcalde de Carballo quixo resaltar durante a presentación do proxecto a existencia dun movemento artístico que nos últimos tempos cobra cada vez máis vida con exposicións colectivas, murais na rúa e con actividades “que están dando moito que falar”. Ferrero expresou o seu “agradecemento a todas as persoas que participan nesta feliz iniciativa” que ten como obxectivo “dinamizar Carballo” e que “a xente se sinta aínda máis a gusto nos locais que adoita visitar”. Así mesmo, Mar Eirís quixo animar á xente á que participe nesta proposta, que tamén inclúe algunha pequena sorpresa nos relatos e que une literatura, arte e hostalería.

21 de abril de 2014 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.