Os clientes do CCA Santiago centro votarán ao seu negocio favorito en abril

Sol Vázquez na presentación da campaña.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou hoxe a dinamización comercial que suporá a iniciativa Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolverá nos establecementos asociados ao centro comercial aberto Santiago Centro durante este mes, e que busca impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes.
Vázquez Abeal resaltou que os clientes dos comercios asociados a este CCA recibirán durante todo abril un cupón por cada 5 euros de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com. Neste, votando ao seu establecemento favorito optarán a un premio en metálico de 200 euros e outros dous de 100, ademais de participar no sorteo de diferentes agasallos achegados polo propio centro comercial aberto. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado polos clientes que participen na mesma recibirá un recoñecemento público ao seu labor no impulso do comercio de proximidade.
Neste contexto, a directora xeral de Comercio destacou o papel “fundamental” que ten o comercio na economía de Santiago e resaltou as diferentes iniciativas activadas polos centros comerciais abertos locais ao longo de todo o ano.
A iniciativa da Xunta, na que tamén vai participar Compostela Monumental, está a percorrer os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, resaltando os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade. Ademais, pon de relevo o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.











