Os centros pontevedreses Luís Seoane e a Xunqueira I participan na fase galega do Club de Debate
Os equipos do IES Luís Seoane e do IES A Xunqueira 1, gañador e finalista do Club de Debate de Pontevedra, viaxarán este sábado, 26 de abril, a Ferrol para participar na fase final da actividade. Xunto con equipos de Ames, Carballo, Ferrol e O Carballiño, debaterán sobre o tema “Pódese vivir en galego”. Logo de se desenvolveren as fases locais, oito equipos acceden á final galega: IES Luís Seoane de Pontevedra, IES A Xunqueira 1 de Pontevedra, IES Plurilingüe de Ames, IES Parga Pondal de Carballo, IES Leixa de Ferrol, IES Saturnino Montojo de Ferrol, IES Nº 1 do Carballiño e IES M. Chamoso Lamas do Carballiño.
O xurado encargado de decidir quen será o equipo gañador estará formado por cinco persoas propostas polos concellos participantes. O Concello de Pontevedra propuxo como membro do xurado a Mercedes Torres, lingüista especializada en galego e unha das profesoras de cursos Celga represaliadas pola Xunta de Galicia por defender os seus dereitos laborais.
O xurado completo estará formado por Daniel Romero Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Fene; Adela Pita Permuy, técnica de normalización lingüística do Concello de Narón; Marta Marta Fernández Alberte, profesora de ensino secundario; María Mercedes Torres Hermida, profesora dos Celga e María Pilar López Suárez, tamén profesora dos Celga.
O horario da actividade é dende as 10.00 horas ata as 20.30 horas, cando se coñecerá o equipo gañador e as puntuacións dos debates, o que dará paso a entrega de premios.
O equipo vencedor do Club de Debate gañará unha viaxe dunha fin de semana, para un máximo de 20 persoas, con contidos culturais que contribúan aos obxectivos deste proxecto.
O Club de Debate trátase dunha interesante iniciativa en que participan cada ano varios concellos. A presente edición está promovida polos concellos de Ames, Carballo O Carballiño, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo e Ferrol para o que asinaron un acordo o pasado 16 de xaneiro en Ferrol.
Este proxecto leva xa dúas edicións organizadas conxuntamente por varios concellos que, como noutras ocasións, asumen a responsabilidade que lle atribúe á Administración local o Plan xeral de normalización lingüística no seu cumprimento.
O Club de Debate diríxese a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización da nosa lingua, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).
Nas distintas fases locais da edición do curso 2013-2014 participaron 21 equipos de 16 centros de ensino, conformados por un total de 180 alumnos e alumnas dos distintos concellos. Cada equipo de traballo estivo coordinado por un ou dous preparadores que os asesoraron en aspectos como a procura de información, a disertación en público, a argumentación, etc.











