Os bos resultados da xestión económica permiten seguir baixando o endebedamento do Concello de Vilagarcía
O peche contable do primeiro trimestre do ano desvela novos resultados positivos para o Concello de Vilagarcía. Segundo o informe de Intervención, o nivel de endebedamento a 31 de marzo volveu a descender situándose no 74,87%. A maiores do que isto supón en canto á mellora do saneamento da economía local, a cifra ten un segundo efecto positivo, xa que ao situarse por debaixo do 75%, o Concello xa non precisa da autorización previa da Xunta para solicitar créditos. E isto tradúcese nunha axilización do Plan de Investimentos previsto polo goberno local para 2014 cun importe de 1,4 millóns de euros.
Segundo os datos reflectidos na Conta Xeral de 2013, aprobada o pasado mes polo Pleno, o Concello xa tiña rebaixado o nivel de endebedamento ata un punto que lle permitía acceder a operacións de crédito, aínda que para elo requiríase informe favorable da Xunta de Galicia. A lei fixa esta porcentaxe no 75%, nivel ao que se tiña descendido a 31 de decembro de 2013 despois de terse situado no 101% no anterior mandato do goberno bipartito do PSOE e BNG. A isto engadíase que en 2013 obtívose un remanente de tesourería por importe de 1,4 millóns de euros que garanten o cumprimento do plan de saneamento, posto que esta suma dedicarase integramente á amortización da débeda bancaria.
A evolución positiva destes dous apartados, permitiu que por primeira vez no actual mandato, o Concello estea e disposición de realizar investimentos en obras e servizos, despois de tres anos nos que foi completamente imposible pola precaria situación económica. Por iso, o goberno presidido por Tomás Fole incluíu nos Orzamentos Municipais de 2014 o seu primeiro Plan de Investimentos por importe semellante ao que se destinará á amortización da débeda, é dicir, 1,4 millóns de euros.
Solicitadas ofertas aos bancos
Para financiar ese Plan de Investimentos, o Concello terá que recorrer a unha operación de préstamo para a cal se cumprían os requisitos e baremos contables especificados na lei, pero que precisaba do informe da Xunta de Galicia. Cos datos do primeiro trimestre de 2014, e co nivel de endebedamento por debaixo do 75% (no 74,87%) xa non é preciso esperar a este informe da administración autonómica polo que axilízase a tramitación. De feito, o Concello xa solicitou ofertas ás entidades bancarias da cidade para subscribir a operación crediticia máis favorable. Unha vez asinado o crédito, previsiblemente a principios de maio, o Concello xa poderá empezar a sacar a licitación as obras do Plan de Investimentos, entre as que se atopan, por exemplo as remodelacións da Praza de de España e do Castro, e actuacións en infraestruturas e equipamentos moi necesarios.
O alcalde, Tomás Fole, comentou que as cifras contables do primeiro trimestre de 2014 volven a demostrar que o plan de austeridade imposto na administración local e o esforzo dende o punto de vista fiscal demandado aos veciños eran dúas medidas “necesarias, urxentes e axeitadas”. “Somos conscientes do sacrificio que isto supuxo tanto na xestión e funcionamento do propio Concello como nas propias familias de Vilagarcía, polo que agradecemos aínda máis o esforzo realizado e a comprensión manifestada”, comentou.
O rexedor congratulouse dos resultados desta xestión económica porque “pon de manifesto que vamos polo bo camiño e vamos mellorando con cada paso que damos”. Fole lembrou que “coas ratios económicas que nos atopamos cando chegamos ao goberno e cos cambios lexislativos producidos a nivel estatal, Vilagarcía no podía acceder a ningún tipo de subvención, non podía solicitar créditos, non podía realizar investimentos e dificilmente podía ir pagando a súa cuantiosa débeda”. Cos políticas económicas implantadas polo goberno de PP e IVIL, a situación está evolucionando favorablemente de xeito constante. O alcalde rematou dicindo que “o problema aínda non está resolto, a solución vese cada vez máis preto”.











