Os alumnos de “peixaría” do Concello de Ferrol inicia as prácticas profesionais en empresas
As quince persoas desempregadas -7 mulleres e 8 homes- que participan no itinerario formativo de “Peixaría” do proxecto Ferrol Punto de Emprego II da Administración municipal iniciaron esta semana as prácticas profesionais en empresas para completar a súa formación. Así o informou hoxe a concelleira de Emprego, Martina Aneiros Barros, que agradeceu a colaboración das firmas Gadis, Froiz, Carrefour e Eroski neste programa de inserción laboral. Un total de 10 centros de traballo destas empresas de distribución de alimentos acollen até o vindeiro mes de xuño aos participantes no curso de “Peixaría”.
Este novo programa de Ferrol Punto de Emprego II comezou o día 3 do pasado mes de marzo e ten unha duración total de 410 horas. O devandito itinerario contempla un módulo de formación específica de 140 horas, outro de práctica profesional titorizada en empresas de 240 horas e un terceiro de formación tranversal de 30 horas; ademais de titorías individuais e en grupo durante todo este curso para a inserción socio – laboral.
A edil Aneiros Barros explicou que o obxectivo xeral deste curso é capacitar ao alumnado para seleccionar e comprar produtos de pesca, para a súa preparación mediante técnicas de lavado, descabezado, eviscerado, descamado, cortado e fileteado, segundo os casos; mantendo as necesarias condicións de conservación e respectando a normativa de calidade, de medio ambiente, as medidas de seguridade e técnico – sanitarias vixentes. O curso tamén ten por finalidade capacitar aos participantes para levar a cabo as funcións relativas á xestión e administración dunha peixaría, fomentando así a iniciativa empresarial.
O programa Ferrol Punto de Emprego II, financiado en parte polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita obter mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.











