Oroso distingue o labor cultural de José Manuel Precedo Nouche, Dani de la Torre, Familia Caamagno, Lembranzas do Tambre e Eulogio Viñal Construccións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOroso
A-
A+

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Cultura, Antonio Leira, presidiron esta noite a entrega dos premios da I Gala da Cultura de Oroso, celebrada no auditorio do centro cultural de Sigüeiro. Uns premios cos que o Concello de Oroso recoñece o mérito das persoas, entidades, asociacións e empresas que destacaran no ámbito cultural tanto durante 2013 como durante a súa vida profesional.

O alcalde, Manuel Mirás, amosou o seu agradecemento tanto aos veciños e veciñas que participaron no proceso de nominación como aos propios distinguidos nesta I Gala da Cultura do Concello de Oroso, “unha iniciativa que espero que se sega realizando durante toda a vida porque a cultura é algo que debemos coidar especialmente porque define en gran maneira quen somos”. Así mesmo, tamén tivo unhas palabras de felicitación para os 125 veciñas e veciños que recibiron os seus diplomas conmemorativos de ter participado nos obradoiros culturais do Concello de Oroso. “Se miramos dez anos atrás, veriamos que había moi pouca xente participando tanto nestes obradoiros como nas distintas actividades culturais. Hoxe podemos dicir con orgullo que xa non é así e que a cultura é un dos sinais de identidade de Oroso”, explicou Mirás Franqueira.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Antonio Leira, explicou que esta gala “é un recoñecemento á cultura no noso municipio” e indicou que “hoxe queremos que esta Gala serva para distinguir a estas persoas, algúns coñecidos por toda a veciñanza, outros non tanto. Pero todos merecedores desta homenaxe”. Ademais, engadíu que “somos conscientes de que seguro que faltan moitas máis persoas, entidades e empresas cuxo traballo merece ser distinguido. Nas vosas mans está nominalas para a vindeira edición”.

Premiados

De entre as 24 propostas realizadas pola veciñanza de Sigüeiro, o xurado decidu os seguintes premios:

1- Recoñecemento especial á traxectoria durante o ano 2013.

1º PREMIO: José M. Precedo Nouche. Xornalista de “El País”, onde ten realizado labouras de redactor, corresponsal político e xornalista de investigación. Acaba de publicar “Conde Roa, caso perdido” e anteriormente ten traballado en medios como a Cadena Ser, Localia Santiago ou Telecinco.

2º PREMIO: Constantino Cuesta Ibáñez. Médico de atención primaria no centro de saúde de Sigüeiro, ten realizado varias exposicións da súa obra pictórica en Oroso, onde tamén ten presentado tanto a súa primeira novela, “Herdeiros da miseria”, como o seu último traballo “Soñadores sin porvenir”, publicado en 2013. 

3º PREMIO: Susana Gesto Beiroa. Ourive de Sigüeiro, en 2013 foi a representante do Concello de Oroso no certame internacional GoisOrosoArtes, celebrado na localidade portuguesa de Gois.

2- Recoñecemento especial á traxectoria de toda unha vida profesional no eido da cultura.

1º PREMIO: Dani de la Torre. Director, realizador e guionista. Desde o ano 1996 traballa na TVG, onde actualmente é realizador de promocións. Compaxina o seu traballo co labor por conta propia, no que desenvolve curtametraxes, publicidade e videoclips. Comezara como guionista nos noventa, para despois inserirse no eido das curtametraxes, no cal leva acadados numerosos recoñecementos. Encargouse de realización para programas da canle autonómica galega, incluídos deportes, cultura e ocio. Colabora como instrutor no Máster de Produción e Xestión Audiovisual na Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia. Foi finalista coa reportaxe “Gaiteiras” da TVG, aos premios CNN World Report 2001 (Atlanta, EEUU).

2º PREMIO. Antonio Matías. Prestixioso e galardoado fotógrafo e videógrafo de Sigüeiro, onde comeza a súa vida profesional coa apertura dun establecemento comercial no ano 1992. Profesor de fotografía no Concello de Oroso (205-207), ten colleitado moitos premios profesionais como o Goya 2011 Audiovisual, o galardón PROVID (AN Videógrafos) en 2010, varios premios Colección de Honra (FEPFI)…

3º PREMIO. Mª Isabel Míguez Mallo. Presidenta da asociación veciñal de Gándara, que ten realizado numerosas actividades culturais, excursión e festas populares nesta parroquia.

3º Recoñecemento especial á promesa 2013.

1º PREMIO: Familia Caamagno. Grupo de rock de Sigüeiro que comezou a frecuentar os escenarios galegos hai tres anos e que se fixeron cun importante oco no panorama musical galego. Neste curto periodo de tempo percorreron as principais salas de festas de Galicia con gran aceptación por parte da mocidade. Primeiro premio no Concurso de Bandas da Deputación da Coruña, editaron un primeiro traballo en 2012 (“Familia Caamagno”) e un sinxelo (“Cantan polo Nadal”). En setembro de 2013 comezaron a gravación do seu novo disco, “Hai que andar cos tempos”, cuxa promoción desenvolverán neste 2014.

2º PREMIO. Tania Carro Carbia. Escritora nacida na parroquia dos Ánxeles, sorprendeu polo seu talento precoz ao publicar o seu primeiro libro, “El tesoro oculto”, con tan só 16 anos. Agora conta xa con dúas publicacións, que sempre presentou en Sigüeiro.

3º PREMIO. Emiliano Sánchez Velazco. Virtuoso do violín de tan só oito anos e que forma parte da Orquestra Sinfónica de Galicia para nenos. Ten realizado numerosas actuacións en Oroso, ben acompañando aos seus compañeiros da Aula de Música, ben como artista invitado en eventos como GoisOrosoArte.

4 –Recoñecemento especial á asociación/entidade 2013.

1º PREMIO: Agrupación folclórica Lembranzas do Tambre. Polo seu labor durante tres décadas de promoción da cultura e da música popular galega. Ten recibido múltiples recoñecementos en distintos concursos, ademais de gravar varios CD e realizar distintas actuacións por toda Galicia. Ademais, desempeña un importante traballo coa mocidade orosá a través das súas distintas escolas de gaita, baile, canto, pandeireta e percusión.

2º PREMIO: Agrupación folclórica Buxos Verdes. Nacida en 1988 grazas á iniciativa duns veciños e veciñas das parroquias de Senra e de Cardama, hoxe é unha formación consolidade e formada por 35 membros, repartidos entre o corpo de baile, o grupo de gaitas e o grupo de pandereteiras. Ten realizado unha importante labor de recuperar, difundir, transmitir e conservar o folclore tradicional galego.

3º PREMIO: Coro Voces Amigas. Agrupación coral de Sigüeiro de recente creación, que nace baixo o amparo da asociación da terceira idade de Sigüeiro. Será a encargada de poñer a nota musical no vindeiro Día dos Maiores.

5- Recoñecemento especial á empresa 2013

1º PREMIO: Eulogio Viñal. Empresa familiar afincada no Concello de Oroso e que colabora ano tras ano na Festa da Troita. Grazas a esta colaboración se conseguiron importantes melloras nesta festa e que hoxe en día sexa un referente en toda Galicia, ao ser a única Festa de Interese Turístico da comarca.

2º PREMIO: La Caixa. Esta entidade ten un longo percorrido de colaboración co mundo da cultura en Oroso, onde mesmo chegou a asinar un convenio de colaboración co Concello orosán para o desenvolvemento de actividades sociais e culturais no municipio. La Caixa colabora todos os anos no desenvolvemento da Semana Cultural de Oroso e ten fomentado a presenza de exposicións culturais no municipio.

3º PREMIO: Norjapi. Empresa colaboradora co Concello de Oroso na realización de programas culturais como a Semana Cultural ou a Festa da Troita, ademais de desempeñar un importante labor de apoio a clubs deportivos do municipio.

11 de abril de 2014 | 20:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.