Oroso conmemorará co contacontos “O soño do rato”, con Olga Abad, o Día do Libro
O Concello de Oroso conmemorará o Día do Libro cunha sesión especial de contacontos, que terá lugar este mércores 23 de abril ás 18:00 horas na biblioteca municipal de Sigüeiro. A asistencia é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente na biblioteca municipal ou no teléfono 981 690 903.
“O soño do rato” é un contacontos dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. Mestura sombras chinesas, manipulación de obxectos e narración oral. Conta a historia de César, un rato que terá que superar os seus medos para cumprir o seu gran soño: viaxar no tren que transporta libros para a biblioteca. Durante algo máis de 40 minutos, Olga Abad presentaralle aos pequenos unha historia onde a ilusión por coñecer é tan forte que vencerá todos os medos.
Esta sesión especial de contacontos está organizada polo Concello de Oroso dentro do Programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia.











