Oroso celebra o Día da Xuventude, con Olympus e Funçao Públika, e a presentación do Club Deportivo Alecrín
O Concello de Oroso celebra este mércores 16 de abril o seu Día da Xuventude, que contará coas actuacións da orquestra Olympus e o grupo portugués Funçao Públika (Chaves). A festa comezará ás 22:00 horas na alameda de Góis, onde haberá carpa e polbeira.
Un par de horas antes, ás 20:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá a presentación dunha nova entidade deportiva orosá: o club deportivo Alecrín, que se dedicará ao baile deportivo. O acto estará presidido polo alcalde en funcións, Antonio Leira; polo concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde; e polo presidente do club deportivo Alecrín, Francisco Muñiz. Durante o acto terá lugar dúas exhibicións de baile a cargo de Violeta Doce e Samuel García, campións galegos dos 10 Bailes (categoría júnior) e dos alumnos e alumnas da modalidade Baile Deportivo do Taller Alecrín. A entrada é libre e de balde.
Subcampión galego
Precisamente, o presidente do novo club deportivo Alecrín vén de proclamarse subcampión galego de Bailes Latino e campión do XIII Trofeo de Baile Deportivo “Cidade de Narón”, celebrados esta fin de semana no pavillón polideportivo de A Gándara. Francisco Muñiz e a súa parella de baile Carmen Vila impuxéronse nun torneo que acolleu a unhas 200 parellas procedentes de diferentes puntos de Galicia.
Francisco Muñiz é o máximo responsable do Taller de baile Alecrín, que leva máis de vintecinco anos ensinando baile en municipios como Oroso, Santiago, Teo ou Touro. Actualmente é profesor de baile en Oroso e prepara un amplo programa de actuacións e obradoiros para os dous próximos meses.











