Once veciños de Frades finalizan un curso de iniciación á informática de 50 horas
Un total de 11 veciños e veciñas de Frades veñen de rematar un novo curso trimestral de informática, no que aprenderon a desenvolverse con soltura no manexo do sistema operativo Windows e nos navegadores de internet, ademais de adquirir destrezas en mecanografía. As clases desenvolvéronse desde o pasado mes de xaneiro ata este mes de abril, ao longo dun total de 40 horas lectivas. Durante este tempo, estes veciños e veciñas recibiron unha formación personalizada e aprenderon a xestionar arquivos e carpetas no sistema operativo, a navegar pola rede, a utilizar o correo electrónico e a efectuar diversas xestións a través de internet.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, acudiu á entrega de diplomas conmemorativos e destacou o aproveitamento que os veciños e veciñas de Frades están sacando a este tipo de actividades formativas, polo que confirmou que o Concello de Frades seguirá traballando na busca de novas propostas formativas para toda a veciñanza.