Oleiros acolle o pase de ‘O Feo’
O próximo sábado 5 de abril ás 20:30 horas Auditorio Gabriel García Márquez acolle o pase de O Feo, unha obra que tivo unha enorme acollida na última edición da Mostra do Teatro de Galicia e que está representada pola compañía teatral de nova creación Catro Cadeiras, unha revelación no mundo do arte escénico galego.
A historia xira entorno a Lette, unha persoa normal. Traballa duro como enxeñeiro e goza dun matrimonio apracible sen sobresaltos. Mais un día descubre unha terrible verdade: é espantosamente feo. Así comeza O Feo , unha comedia que dun xeito divertido e mordaz, denuncia a nosa obsesión pola beleza e polo éxito, obrigándonos a reflexionar acerca do que realmente nos define como persoas hoxe en día. O Prezo é de 3,5 euros. As entradas poñeranse á venda a partir das 19.30 horas, ata completar a capacidade da sala. É para maiores de 12 anos.











