Oito medallas na Copa de España de slalom en Mondariz
Os padexeiros galegos lograron oito medallas na segunda proba da Copa de España que se disputou en Mondariz Balneario. Dous clubs, o Miño Teixugos e o Dumbría, clasificáronse entre o cinco primeiros. É o extraordinario balance dunha proba que reuniu a cen deportistas e que confirmou a tendencia positiva desta modalidade en Galicia nunha xornada que se pode considerar histórica polos bos resultados.
Luis Fernández, do Penedo, foi o que logrou o triunfo na modalidade de C-1 xuvenil. Superou por máis dun segundo a Jesús Ángel Cid e Luis González e demostrou que se atopa nun bo estado de forma para competir no Mundial da especialidade que se disputará a finais do presente mes en Australia. Luis Fernández emprendeu viaxe ao finalizar a proba de Mondariz Balneario xunto ao resto de compañeiros da selección española.
Ademais da medalla de ouro, Galicia logrou outras catro de prata. Jonathan Calvo e Marcos Fortes, do Penedo, foron segundos na modalidade de C-2 sénior. Antía Loira, do Dumbría, non puido superar a Nuria Villarubla, do Cadi, e tivo que conformarse coa segunda posición en K-2 sénior. Uxía González, do Val Miñor, tamén logrou o segundo posto en C-1 sénior, o mesmo lugar que ocupou Baris Castro, do Miño Teixugos na modalidade de C-1 cadete.
Marco Antonio Oreiro e Iago Canosa, do Dumbría, foron terceiros na clasificación final de C-2 xuvenil, a mesma posición de Joel Sebastián, do Tea Mondariz, en C-1 cadete, e Manuel Ochoa, en K-1 cadete.
Os padexeiros galegos protagonizaron un total de 27 saídas nas finais que se disputaron o domingo. O seu esforzo levou ao Club Deportivo Miño Teixugos ao cuarto posto na clasificación por clubs, e ao quinto ao Dumbría. O Penedo ocupou o oitavo lugar, mentres o Club Tea Mondariz foi décimo e o Val Miñor undécimo. O Quixós de Monforte finalizou no décimocuarto posto. Na competición participaron 18 formacións.
A próxima competición de slalom será o vindeiro fin de semana en Gondomar.