Obradoiro de marcapáxinas, espectáculo e contacontos para celebrar en Mos o Día do Libro
Dende as concellerías de Cultura e Educación e Participación Cidadá, dirixidas polas edís Sara Cebreiro e Kely Monzón, respectivamente, informaron hoxe da programación organizada con motivo do Día Internacional do Libro, que se celebra o vindeiro mércores 23 de abril.
Como parte da celebración deste día, todos os socios que visiten a Biblioteca Municipal durante a xornada do vindeiro mércores recibirán como agasallo un libro. Adicionalmente, todos aqueles que soliciten o préstamo de exemplares durante a semana do 21 ó 25 de abril participarán automaticamente no sorteo dun lote de libros.
A programación conta tamén cun obradoiro de marcapáxinas para os nenos e nenas do municipio con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Esta actividade levarase a cabo o sábado 26 de abril ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal de Mos.
Por outra banda, dende o 22 ata o 28 do presente mes, os cativos dos centros educativos de Primaria do municipio mosense recibirán a visita do contacontos “O Inventor de Monstros” ós seus respectivos colexios. “Espertar o pracer pola lectura e o uso da Biblioteca entre os escolares é o obxectivo principal desta iniciativa de carácter lúdico” manifestaron as edís de Cultura e Educación e Participación Cidadá.
Para rematar co programa do Día do Libro, o espectáculo enmarcado dentro de Ocio en Familia, “TOC TOC”, chamará ás portas do Pazo de Mos o domingo 27 de abril ás 18.00 horas da tarde. Esta actividade vai dirixida ás familias con rapaces con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, e englóbase no eido do rock, pop fol e tamén do soul, a alma da música moderna que partiu da tradición musical galega.
Ambas actividades, obradoiro de marcapáxinas e “Toc Toc”, son gratuítas para todas aquelas persoas que desexen participar, así como tamén o contacontos para os escolares.
As concelleiras responsables destas iniciativas declararon sobre as mesmas que “entre as súas finalidades atópanse o fomento da lectura entre as persoas de tódalas idades, así como tamén inculcar nos máis cativos a convicción de que os libros poden ser unha fonte de diversión, imaxinación e sabedoría”.











