O XXXIII Campionato de España de Bádminton de Veteráns reunirá a 200 xogadores en Cedeira
As mellores raquetas do panorama nacional daránse cita o próximo mes de maio en Cedeira con motivo da celebración do XXXIII Campionato de España de Bádminton sénior. Unha competición que esta mañá presentaban oficialmente no salón de plenos do consistorio da vila o seu alcalde, Luis Rubido; o presidente da Federación galega de Bádminton e vicepresidente da Federación estatal, Rodrigo Sanjurjo; a presidenta do Club Bádminton Cedeira, Hilda Martínez, e o concelleiro de Deportes, Pablo Nebril. O torneo disputaráse entre o 2 e o 4 de maio no pavillón polideportivo municipal e nel participarán máis de douscentos xogadores procedentes de toda a xeografía española. Entre eles, deportistas olímpicos como Mario Carulla, quen xa confirmou a súa presenza na cita.
Aínda que nun principio Cedeira rivalizou con Guadalaxara para acadar convertirse en sede do Campionato, Rodrigo Sanjurjo explicou esta mañá que finalmente foi a vila coruñesa a elixida porque era de xustiza dado o enorme traballo que o Club Bádminton Cedeira leva a realizar nos últimos anos a favor deste deporte en Galicia. Asegurou que a vila, xunto coas cidades de Coruña e máis Ourense, é un dos pilares básicos do bádminton a nivel veteráns. Feito que puxo especialmente en valor ao tratarse dunha localidade pequena. Así mesmo, estimou que medio millar de persoas se desprazarán neses días a Cedeira e, poderán así, coñecer de preto unha das zonas máis fermosas de Galicia. Tras destacar o atractivo turístico da vila, asegurou que os deportistas non só se levarán medallas senón o recordo dun gran lugar.
Precisamente, o alcalde, Luis Rubido, asegurou que o Campionato brinda a Cedeira unha oportunidade única para darse a coñecer, resaltou a trascendencia deportiva e económica do evento, e a súa especial incidencia no sector turístico, sobre todo en época baixa. De feito, segundo estimacións realizadas, a competición podería deixar neses días uns 100.000 euros en gasto realizado nos negocios do sector. Así mesmo, Rubido quixo agradecer o esforzo organizativo do Club Bádminton Cedeira nestes últimos meses e, sobre todo, o seu traballo nos últimos anos para lograr que este deporte teña un especial arraigo entre a veciñanza.
Pola súa banda, Hilda Martínez, presidenta do clube e unha das mellores xogadoras de bádminton na categoría de veteráns, quixo agradecer a colaboración prestada polo Concello e Protección Civil, a Deputación provincial da Coruña, as Federacións galega e estatal e as firmas e comercios locais, así como o traballo dos integrantes do clube.
Respecto á competición, arrancará o día 2 de maio, coa recepción de cada un dos clubes participantes. Será nas instalacións do IES Punta Candieira, a tan só uns metros do pavillón. Punto no que se lles fará entrega dun detalle. E, a partir dese momento, iniciaráse o Campionato, con entrada libre para o público chegado dende toda a xeografía estatal. Segundo avanzou Rodrigo Sarjurjo, nesta competición plantearáse o sistema de liguilla. O domingo, e tras a conclusión de todos os partidos das diferentes finais, procederáse á entrega de premios, que co-presidirán o presidente da Federación Española de Bádminton, David Cabello; o seu homólogo galego, Rodrigo Sanjurjo; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de Cedeira, Luis Rubido. O pavillón polideportivo municipal conta con nove canchas para a celebración deste evento, así como panel electrónico, onde se irá informando do número de partidos en competición e dos seguintes a celebrar.











