O XV Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay 2014 percorrerá Vigo, Nigrán e Baiona o 6 de abril

Lete Lasa na presentación da maratón
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, felicitou hoxe aos organizadores do XV Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay 2014 pola traxectoria ascendente desta proba deportiva que desde o seu inicio sigue aumentando, ano tras ano, o número de participantes.
Lete Lasa sinalou a Vig-Bay como “un exemplo do alto potencial que ofrece Galicia e a súa paisaxe para o desenvolvemento de eventos deportivos de calidade, respectuosos co ambiente e que poñen en valor os nosos recursos naturais”. E, nesta liña incidiu no atractivo da proba a nivel deportivo e no espectacular percorrido do maratón ao longo da costa; un percorrido que axuda a visibilizar o interese turístico das localidades de Vigo, Nigrán e Baiona ante deportistas, visitantes e espectadores, coa consecuente dinamización económica do contorno.
O secretario xeral explicou que este positivo impacto da Vig-Bay “no deporte galego, na saúde cidadana ao promover a actividade física dos veciños, na proxección e atracción turística e na dinamización económica de Vigo e o seu contorno” é o que motiva que a Secretaría Xeral para o Deporte colabore na súa organización.
Así mesmo, felicitou a todas as entidades e empresas que dun modo ou outro apoian a celebración do evento, porque entenden que así “favorecen o benestar da sociedade na que desenvolven a súa actividade, e polo tanto todas as partes saen gañando”.
O medio maratón, organizado polo Club de Corredores Vig-Bay e promovido por o Grupo S.A. Eduardo Vieira, pasou de contar con 613 corredores na súa primeira edición no ano 2000 aos 4.213 atletas en 2013. O vindeiro domingo, 6 de abril, celebrará a súa edición número XV e desde o pasado 19 de marzo está pechada a posibilidade de inscrición, unha vez acadados os 5.000 deportistas rexistrados, máximo establecido para o correcto desenvolvemento da carreira.
A ruta da Vig Bay terá a súa saída ás 10:30 horas da mañá na avenida de Samil en Vigo, mentres que o punto de chegada atoparase na rúa Elduayen de Baiona, logo de pasar polo municipio de Nigrán. O percorrido total é de 21.097 metros.
Trátase dunha carreira aberta a todas as persoas interesadas, federadas ou non, sempre que cumpran dezaoito anos no ano en curso, e conta con catro categorías: junior, promesa, senior e veteranos.











