O xuízo a sete concelleiros imputados por cargar ao Concello de Santiago a defensa doutro será o 19 de maio
O xuízo aos sete edís populares da Xunta de Goberno de Santiago de Compostela imputados por un delito de prevaricación por decidir que o Concello custease a defensa do edil de Deportes, Adrián Varela, tras a súa imputación na Operación Pokémon, celebrarase o 19 de maio, segundo ratificou este venres o alcalde da cidade, Ángel Currás.
Preguntado en rolda de prensa sobre se os concelleiros recibiron notificación desta data para o xuízo, o rexedor contestou: “Non sei se a recibiron, a min comunicóuseme que é certo que, efectivamente, sería o 19 de maio e creo que hoxe se fai público tamén a través de medios de comunicación”.
Pola súa banda, a defensa dos sete edís imputados presentaron un recurso polo cal a Audiencia Provincial deberá resolver en próximos días se mantén a súa imputación ou arquiva o caso.
O xulgado de instrución número 1 de Santiago abriu xuízo oral contra os sete concelleiros, que se enfrontan a unha pena de inhabilitación especial para o exercicio de emprego ou cargo público por un prazo de nove anos.
En concreto, a petición da Fiscalía diríxese contra Amelia González, Juan de la Fuente, Cecilia Sierra, María Pardo, María Castelao, Francisco Noya e Luis García Bello, os sete que, na Xunta de Goberno Local do 30 de maio de 2013, aprobaron que a Casa do concello asumise a defensa de Adrián Varela.
A imputación dos seus compañeiros a raíz desta decisión — a instancias da denuncia dun particular– motivou que, en xullo, o propio Adrián Varela presentase un escrito na Casa do concello pola que renunciaba a calquera tipo de compensación polos gastos da súa defensa.
En todo caso, o Goberno da capital galega sempre defendeu que a decisión de pagar os gastos de defensa de Varela chegou á Xunta de Goberno “avalada por un informe do director da asesoría xurídica e secretario municipal” e que o vicesecretario municipal deu a “súa conformidade” na propia reunión.











