O Xiria Gestiber feminino de Voleibol disputa a Fase Final Interzonal no Pavillón Carballo Calero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+

O Xiria Gestiber cadete feminino participa o domingo 6 de abril na Fase Final Interzonal de Voleibol que disputa xunto co Dompa Rúa Ourense, o IES Ames e o CV Santiago. O Xiria accede a esta fase despois dunha tempada na que se mantivo invicto e na que tan só cediu un total de cinco sets. Aspira a clasificarse para os play-offs acadando un dos dous primeiros postos desta fase que dan dereito a disputar o ascenso para pasar da Liga Interzonal á Liga Galega de cara á tempada 2014-2015. A Fase Interzonal inclúe catro encontros que se disputarán no Pavillón Carballo Calero: a primeira semifinal ás 10.00 horas entre o IES Ames e o CV Santiago; a segunda ás 12.00 horas entre o Xiria Gestiber e o Dompa Rúa Ourense; ás 17.00 hoas a loita polo 3º e 4º posto e ás 19.00 horas a final.

Segundo explica o adestrador do Xiria Gestiber, Luís Outeiro, o equipo conta con dúas baixas importantes, xa que dúas das xogadoras, as centrais Uxía Caamaño e Ana Lista, están de intercambio co instituto en Francia e non poderán disputar os encontros. O Xiria suplirá as baixas con dúas xogadoras de categoría infantil e confía en ter posibilidades de clasificarse para a final. Tanto Rosalino Mariño, coordinador da sección de voleibol de Xiria, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixeron transmitir os seus parabéns ás xogadoras pola súa excelente tempada. O obxectivo desta Fase Interzonal é conseguir, segundo explica Mariño, que Carballo volva a ter representación na Liga Galega de Volei, como xa ocorrera no pasado. O Dompa Rúa Ourense preséntase como un rival difícil, xa que tamén está invicto na súa liguilla e se trata dun Club que ten equipos en Liga Galega noutras categorías.

O Alcalde, Evencio Ferrero, tamén quixo lembrar os éxitos pasados da sección de voleibol de Xiria e espera que o pavillón conte co mellor ambiente posible para animar ás xogadoras cadetes. Tamén quixo subliñar a importancia de que Carballo acolla este tipo de citas, xa que “o deporte tamén xera economía”, xa que os familiares e equipos técnicos dos equipos participantes, así como as propias xogadoras, teñen unha oportunidade de coñecer a vila e de pasar o día en Carballo. Así mesmo, Ferrero quixo subliñar o papel de referencia do municipio no deporte de base e desexoulle a mellor das sortes ao Xiria Gestiber.

3 de abril de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.