O XII Festival Intercentros celébrase no Coliseum este venres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, asistiu esta mañá á presentación do XII Festival Intercentros, unha gala solidaria que se celebra cada ano na cidade e que o Concello “apoia incondicionalmente polos valores que transmite como o respecto aos demais, o traballo en equipo ou o esforzo para alcanzar unha meta”, afirmou o responsable municipal de Educación e Mocidade, quen destacou que o evento xa se converteu nun referente na cidade a nivel educativo e cultural.

O festival, que se celebrará no Coliseum este venres, 4 de abril, a partir das 17.00 horas, destina cada ano a súa recadación a unha entidade social. Neste caso doará os fondos conseguidos á asociación Down Coruña, baixo a lema Distintos, pero iguais. “Ademais, felicitamos á organización polo seu esforzo para fomentar a integración de todos os nenos da cidade xa que este ano, por primeira vez, tamén participan mozas con discapacidade dos centros María Mariño e Down Coruña”, afirmou Mourelo.

O Festival Intercentros é unha actividade educativa, musical e solidaria para nenos e mozos de entre 9 e 18 anos. O certame conclúe este venres cunha gala no Coliseum onde se poderá gozar de tres modalidades: música electrónica, coreografías e canción. Haberá 39 actuacións e 16 premios, dous deles de recoñecemento polo esforzo.

“O Festival Intercentros é un evento moi especial para este Concello: especial polo número de institucións e centros que participan; e especial polos mozos e as súas familias que se implican neste proxecto solidario. Non se trata tan só dunha gala musical, é unha actividade formativa e solidaria, que demostra o bo estado de saúde do que gozan os centros educativos da cidade”, concluíu o concelleiro de Educación.

Na pasada edición, 3.000 persoas asistiron ao Festival Intercentros, no que participaron 700 mozos de 22 centros da cidade. As entradas están á venda no despacho de billetes central do quiosco da praza de Ourense (de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas); en internet a través de www.servinova.com; por teléfono no número 902 504 500; ou no despacho de billetes do Coliseum o día do concerto a partir das 16.30 horas. Ademais, a organización pon a disposición das persoas que queiran colaborar con Down Coruña unha fila 0 (número de conta: 2100-4690-01-0200044704).

2 de abril de 2014 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.