‘O Titiricircus’ chega á Alameda de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Para celebrar o 25 aniversario do Titiricircus, a compañía Tanxarina Títeres traerá de novo a Verín este espectáculo de marionetas de fío e actores do que se levan realizado máis de 1000 funcións e que se presentou en festivais de referencia en América, África e Europa. O acto, organizado polo Concello de Verín, e patrocinado en conxunto coa Consellería de Cultura a través do programa Cultura no Camiño, celebrarase no parque da Alameda o día 1 de maio ás 12 horas.

‘O Titiricircus’ está protagonizado por dous vellos traballadores (Tatán R. Cunha e Miguel Borines) dun gran circo que lembran con marionetas as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo participativo co público, van aparecendo os números máis importantes de vello circo desaparecido: O home máis forte da Península Ibérica, o malabarista máis divertido do mundo, etcétera.

Tanxarina é unha das compañías máis prestixiosas do teatro galego de títeres. Desde o ano 1983, no que se xuntaron en Redondela ex-alumnos de Harry Tozer, profesor de construción e manipulación de marionetas de fíos no Institut del Teatre de Barcelona, para realizar “Migallas e Cirigaitas”, até a súa última montaxe (“Trogloditas”, 2010), a compañía leva creados 16 espectáculos. A pesar da intensa produción de Tanxarina, o Titiricircus segue sendo o sinal de identidade da compañía, como demostra o feito de realizar neste mes de abril unha xira pola Mancha e 13 representacións deste espectáculo.

Tanxarina destaca pola fusión de diversas técnicas de animación de monecos co traballo actoral dos manipuladores. Ademais de impartir regularmente cursos de construción e manipulación de títeres, marionetas, máscaras e cabezudos; desde o ano 2000, os actores da compañía traballan tamén no audiovisual: cine, tele-series e anuncios publicitarios.

29 de abril de 2014 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.