O Teatro Rosalía Castro acolle a presentación de ‘Baños Roma’ de Teatro Línea de Sombra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O Concello, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa da próxima obra que se subirá ao escenario do Teatro Rosalía Castro. En concreto, este domingo, 6 de abril, o recinto acollerá o espectáculo Baños Roma, da prestixiosa compañía Mexicana Teatro Línea de Sombra.

A obra, que se representará ás 20.30 horas, retrata a violencia que padece Cidade Juárez e que, por extensión, percorre toda a sociedade mexicana.

Teatro Línea de Sombra é unha compañía mexicana de gran proxección internacional, creada en 1993 e dedicada á creación contemporánea mediante a converxencia de linguaxes visuais, obxectos do teatro físico e un forte compromiso coa realidade da súa contorna.

Neste sentido, desde a área de Cultura realizouse un importante esforzo para que os máis de 600 abonados do Ciclo Principal e o público en xeral poidan contar coa presenza desta compañía que recalará na cidade aproveitando a xira internacional do seu espectáculo Amarelo que chegará, en España, a cidades como Madrid, Barcelona ou Murcia.

O prezo das entradas oscila entre os 8,50 e os 18,00 euros, con descontos do 20% para os titulares do carné novo, para os maiores de 65 anos e para as persoas desempregadas. Xa se poden adquirir en Servinova, no teléfono 902 504 500; na praza de Ourense, en horario de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas; e os días de función no despacho de billetes do propio Teatro Rosalía, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.

4 de abril de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.