O teatro galego regresa a Vilagarcía con ritmos pop-rock co espectáculo “Bye bye honney”
A primeira fin de semana de abril chega cunha oferta lúdica e cultural para todos os públicos. A axenda ábrese no Auditorio mañá, venres ás 21, coa representación do espectáculo de teatro musical “Bye bye honney” que porá en escena a compañía Obras Públicas. As entradas custan 5 e 4 euros e pódense adquirir de xeito anticipado a través de ww.servinova.com ou no Tlf. 902504500, e mañá, a partir das 19:00 horas na billeteira do Auditorio.
Despois do éxito de crítica e público que tivo Obras Públicas co seu anterior espectáculo,”Life is a paripé”, agora a compañía galega traénos un espectáculo de “teatro musical de clase baixa”, denominado así polo entorno social onde se desenvolve: unha deprimida vila ferrolá na que a crise fai estragos. En clave de drama, pero con notas de humor, “Bye bye honney”relata a historia dunha moza que trata de sobrevir nese desolador panorama, e todo con contado con cancións no que o pop e o rock dominan a escena. O elenco desta obra está composto polos coñecidos actores galegos César Goldi, Carlos Mosquera e Iolanda Muíños.











