O set itinerante da campaña de turismo ‘Galicia de cine’ instálase en Santiago
O set de Galicia de cine, unha acción especial que forma parte da nova campaña de Turismo de Galicia para este 2014 e que consiste nunha plataforma itinerante, instalarase mañá pola tarde na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, a onde chega tras percorrer Madrid, Barcelona e Sevilla e tras contar coa participación de máis de 500 persoas que fixeron as súas achegas con vídeos sobre os seus recursos e produtos turísticos galegos favoritos.
A acción promocional de ‘street marketing’ ten por obxectivo difundir as singularidades do destino Galicia e recompilar as testemuñas dos cidadáns que queiran participar falando sobre as súas motivacións e reclamos para visitar Galicia. Trátase dunha acción que pretende fomentar a interactividade dos viaxeiros co destino.
O set itinerante da rodaxe está formado por dous escenarios: un deles recollerá os motivos polos que os viaxeiros deciden vir a Galicia a través dunha gravación persoal. E o outro escenario, enmarcado dentro da promoción A persoa que máis recomenda Galicia no mundo, ten por obxectivo gravar a aqueles que xa coñecen Galicia e que a recomendan aos seus para compartir a súa experiencia. Estes vídeos poderán ser subidos á rede para participar na promoción online ata o día 15 de maio.
Entre todos os participantes que se acheguen a aportar testemuñas sortearanse viaxes por Galicia, e todos formarán parte do casting no que se elixirá aos protagonistas da próxima campaña de Turismo de Galicia.
Campaña 2014
A campaña 2014 de Turismo de Galicia, Galicia, el buen camino, ten un novo eslógan: ‘Á xente que quero, recoméndolle Galicia’/’Si te han recomendado Galicia, es que te quieren’. A mensaxe incide na capacidade dos viaxeiros e dos propios galegos para seren prescritores de opinión do destino. Ao tempo, resalta a condición de multiexperiencial do Galicia como destino turístico e aqueles elementos diferenciais que conforman os principais atractivos da comunidade.
O hastag #Galiciaelbuencamino será o utilizado para as comunicacións online e as recomendacións dos fans de Galicia teñen por obxectivo buscar protagonistas para as seguintes fases da campaña. Estas e outras testemuñas recollidas na internet poderán verse no sitio galicia.es. Alí tamén se articulará a acción promocional ‘Sé a persoa que máis recomenda Galicia do mundo’. Quen o desexe poderá deixar a súa mensaxe lembrando Galicia nesta web así como nas súas redes sociais.
Ao tempo, as contas nas redes sociais de Turismo de Galicia apoiarán e monitorizarán todas as accións da campaña nas redes.











